Amosando publicacións coa etiqueta Deep Purple. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Deep Purple. Amosar todas as publicacións

luns, 26 de xaneiro de 2015

Woman from Tokyo

Who Do We Think We Are (1973) é o sétimo álbum de Deep Purple, e marca o final da primeira etapa da banda, pois Ian Gillan, que como vocalista foi a imaxe máis visible da banda, e Roger Glover, que se encargaba do baixo, abandonaron Deep Purple, esgotados polo ambiente enrarecido que envolvía o grupo. A paréntese duraría ata 1984, cando ambos músicos volveron ó rego e o grupo recuperaba os membros cos que escribira unha páxina brillante na historia do hard rock. O single co que promocionaron ese álbum foi "Woman from Tokyo", que conseguiu ser unha das cancións máis recordadas da discografía de Deep Purple, nun dos discos de máis éxito da banda.


"Windy City", de Sweet, e que está recollido no álbum Off the Record (1977), toma algúns dos acordes de "Woman from Tokyo", mostrando deste xeito a influencia que Deep Purple exercía no hard rock dos anos setenta.

http://youtu.be/Dl71bMxMDWE

martes, 15 de abril de 2014

Tocata e Fuga en D Menor, BWV 565

Non é ningún segredo que Johann Sebastian Bach é un dos compositores clásicos favoritos de tódolos tempos e a "Tocata e Fuga en D Menor", publicada en 1833, unha das pezas imprescindibles na cultura popular contemporánea. Tanto no cine coma na música, a "Tocata e Fuga en D Menor" foi reproducida ata chegar a ser unha das pezas máis coñecidas de Bach, que en moitos casos se pode considerar un músico comodín, pola cantidade de veces que aínda hoxe se recorre a súa obra como fonte de inspiración. E todo iso sen esquecer que está concebida para un instrumento coma o órgano, que tampouco é dos que máis habitualmente se empregan hoxe na música popular.

http://youtu.be/IVJD3dL4diY

Unha das cancións máis orixinais baseadas nesta composición de Bach é a instrumental en clave rock que Jon Lord, componente de Deep Purple, titulada "Bach Onto This", no álbum en solitario deste rockeiro Before I Forget (1982).

http://youtu.be/l9OFZ9Mh7GA

Michael Cretu tamén escolleu esta peza de Bach para darlle comezo á canción "The Rivers of Belief", nun dos discos máis coñecidos de Enigma, MCMXC a.D. (1990).

http://youtu.be/Xqb18bqNtEw

Do mesmo xeito comeza a canción de Blondie "No Exit", que lle dá título ó album co que a banda de Debbie Harry volvía o panorama musical en 1999 despois de máis dunha década de silencio. Cun son entre o rock e o hip hop, Blondie contaron neste tema coa colaboración de Coolio.

http://youtu.be/ZGrK0bil4lI

Pero a música de Bach non é a  do único compositor clásico que se pode apreciar na canción de Blondie, xa que tamén hai un pequeno fragmento da coñecida peza orquestral de Edvard Grieg, " I Dovregubbens", composta para a obra de Ibsen Peer Gynt, de 1876.

http://youtu.be/uQxsyA6s90Y

Volvamos de nova á obra de Johann Sebastian Bach, que tamén inspirou a Matt Bellamy en "Plug In Baby", tema que aparece no álbum Origin of Symmetry (2001). Os acordes do comezo remiten igual que as cancións anteriores á famosa Tocata.

http://youtu.be/Vsapab5LwcY

martes, 25 de febreiro de 2014

Foxy Lady

Tras cativar ó público nas numerosas actuacións nos clubes da cidade de Nova York, Jimi Hendrix entrou nun estudio de gravación coa súa banda, the Jimi Hendrix Experience, para inmortalizar o seu poderoso talento coa guitarra. Era o ano 1966 e na primavera do ano seguinte aparecía o debut discográfico Are You Experience (1967), unha colección de cancións revolucionarias polo seu son e que aventuraban unha andaina brillante para o músico de Seattle. Unha desas cancións que non pasaron desapercibidas foi "Foxy Lady", que ofrece un dos riffs de guitarra máis coñecidos e recoñecidos de Hendrix e que foi imitado nunhas cantas cancións posteriores por algúns dos admiradores máis declarados de Jimi Hendrix.


 O ano seguinte, sen ir máis lonxe, aparecían dúas cancións que reproducían ese riff característico. Unha delas corresponde ó músico neerlandés Boudewijn de Groot na canción "Tegenland" pertencente ó álbum Picknick (1968) e da que desgrazadamente non conseguimos atopar ningunha ligazón. A outra é "Mandrake Root", que aparece no debut discográfico de Deep Purple Shades of Deep Purple.


Os ourensáns Los Suaves réndenlle un sentido tributo ó guitarrista de Seattle con este sensacional "Hendrix" no álbum  Santa Compaña (1994). Por se quedase algunha dúbida sobre o personaxe á quen se dedica a canción, "Hendrix" constrúese sobre a base de "Foxy Lady", creando así unha especie de nova versión na que o autor orixinal está presente en cada nota.

luns, 30 de decembro de 2013

Big Jim Salter

Das bandas que entre os anos 60 e 70 contribuíron á renovación do rock cara un son máis duro sen deixar de lado o pouso do blues e que quedaron polo camiño, merece un pequeno tributo Stone the Crows. Formada en Glasgow  por Leslie Harvey, Colin Allen, James Deward, John McGinnis e a vocalista Maggie Bell, todo parecía indicar que era unha banda con gran futuro, pois ademais de facer boas cancións, Stone the Crows contaba co apoio do mánager de Led Zeppelin Peter Grant e de Mark London, no entanto os continuos cambios na formación e finalmente, a morte de Harvey en 1972, a alma máter da banda, acabaron por finiquitar un proxecto que prometía un longo recorrido. En apenas tres anos, Stone the Crows deixaron catro discos, no terceiro, Teenage Licks (1971), encontráse este sensacional "Big Jim Salter".


Tan só tres anos despois da publicación de Teenage Licks, Deep Purple ían encargarse de inmortalizar o riff de guitarra de "Big Jim Salter" na canción "Might Just Take Your Life", do álbum Burn (1974).

luns, 29 de xullo de 2013

Smoke on the Water

Un dos riffs de guitarra máis famosos de toda a historia é o da canción de Deep Purple "Smoke on the Water". Pódese dicir que non hai estudante de guitarra que algunha vez non pulise a súa técnica practicando as primeiras notas do tema que a banda británica elevou ós altares do heavy, cando este xénero do rock comezaba a consolidarse nos primeiros anos 70. Convertida hoxe en himno, seguro que non hai persoa que sen ser afeccionada ó rock non a coñeza. Está recollida no álbum Machine Head (1972), un dos máis importantes de Deep Purple, e non só polo impacto que tivo "Smoke on the Water", xa que o resto de cancións non desmerecen un traballo discográfico que anunciaba a importancia que o hard rock ía ter nas décadas posteriores.

http://youtu.be/zUwEIt9ez7M

Non obstante, a moitos lles sorprendería saber que a secuencia de notas que reproducen o famoso riff está tomado da bossa nova "Maria Quiet", da brasileira Astrud Gilberto que aparece no álbum Look to the Rainbow (1966).

http://youtu.be/rvXxlXg_V-k

As prinicipais bandas de rock teñen versionado nalgunha ocasión a canción de Deep Purple, pero Rolf Harris, un músico australiano, animouse a trasladar este tema rock ó jazz sen quedarlle nada mal no álbum Rolf Rules OK. (1993).


Mesmo Blue Öyster Cult basearon a súa canción "The Marshall Plan" no célebre riff da canción de Deep Purple. Pertence ó álbum Cultösaurus Erectus (1980).

luns, 22 de abril de 2013

Bombay Calling

O fervedoiro musical que era a cidade de San Francisco a finais dos anos 60 repercutiu nunha cantidade enorme de bandas dedicadas ó rock, e moitas delas fixeron que a psicodelia, máis ca unha moda, tivese un sitio privilexiado dentro das correntes rock daqueles anos. Unha desas bandas que nos deixaron os 60 procedentes de San Francisco é It's a Beautiful Day, que se caracterizou por mesturar a formación clásica dos seus componentes cos ritmos folk e rock do momento. O seu primeiro álbum de longa duración It's a Beautifu Day (1969) contén o tema instrumental "Bombay Calling", un dos máis influentes.


A música de It's a Beautiful Day marcou ós membros de Deep Purple, que tan só un ano despois, no álbum Deep Purple in Rock (1970) incluían a canción "Child in Time", da que Ian Gillan recoñeceu en varias ocasións que estaba baseada en "Bombay Calling".



martes, 8 de xaneiro de 2013

Summertime

O século XX caracterizouse musicalmente polo espallamento dos máis diversos xéneros e estilos, o que serviu para un  enriquecemento musical nunca visto ata o momento. Nesa eclosión posiblemente a máis perxudicada fose a música clásica cuxa importancia en séculos anteriores se viu desprazada ata unhas poucas minorías elitistas que se resisitiron ó empuxe que estaba experimentando a música popular. Pero na fusión de estilos que se produciu como consecuencia desa expasión musical, ata a música clásica se aproximou ó gran público da man de autores como Aaron Copland e George Gershwin que compuxeron óperas que encadilaron á xente de todas clases sociais, que mesmo os tomaron de referencia para compor música popular e nutrir ós novos sons como o rock. "Summertime" é a aria máis coñecida de Porgy and Bess, a gran obra de Gershwin de 1935.


Unha das primeiras cancións que se basearon nos arranxos de "Summertime" foi "(We Ain't Got) Nothin' Yet" de Blues Magoos que aparece no álbum Psychedelic Lollipop de 1966.


Tamén Deep Purple non se souberon resistir ó encanto e en 197 editaron o single "Black Night", que se basea directamente na canción de Blues Magoos.

mércores, 28 de decembro de 2011

Hush

Joe South é un cantautor americano de country e folk que tivo o seus maiores éxitos entre os anos 60 e 70 con cancións coma "You're the Reason" e "Games People Play", pero ademais compuña para outros artistas. Un deles é Billy Joe Royal, que en 1967 gravou o single "Hush" baixo a produción do propio South. A canción alcanzou o posto 52 no Billboard.

 http://youtu.be/RMQB0KiSfxM

A primeira versión que acadou notoriedade débese á banda inglesa de heavy metal Deep Purple, que a incluíron no seu álbum de 1968 Shades of Deep Purple, tan só un ano despois do lanzamento de Royal e foi elixida como single para o mercado americano. Vinte anos despois, Deep Purple volveuna gravar con motivo do seu vixésimo aniversario, e coa voz de Ian Gillan, que substituiu ó cantante orixinal Rod Evans en 1969.


En 1997, a banda  inglesa de rock psicodélico Kula Shaker, liderada por Crispian Mills, lanzou como single unha nova versión da canción de Joe South tralo éxito que acadou un ano antes a publicación do seu álbum de debut K. A irrupción de Kula Shaker supuxo a apertura ó britpop da influencia da cultura india, seguindo os pasos que comezara George Harrison alá polos anos 60 e 70. A versión de Kula Shaker de "Hush" foi incluída na banda sonora da película xuvenil Sei o que fixeches o último verán.

 http://youtu.be/wh7r_f_rw0c