Joe South é un cantautor americano de country e folk que tivo o seus maiores éxitos entre os anos 60 e 70 con cancións coma "You're the Reason" e "Games People Play", pero ademais compuña para outros artistas. Un deles é Billy Joe Royal, que en 1967 gravou o single "Hush" baixo a produción do propio South. A canción alcanzou o posto 52 no Billboard.
A primeira versión que acadou notoriedade débese á banda inglesa de heavy metal Deep Purple, que a incluíron no seu álbum de 1968 Shades of Deep Purple, tan só un ano despois do lanzamento de Royal e foi elixida como single para o mercado americano. Vinte anos despois, Deep Purple volveuna gravar con motivo do seu vixésimo aniversario, e coa voz de Ian Gillan, que substituiu ó cantante orixinal Rod Evans en 1969.
En 1997, a banda inglesa de rock psicodélico Kula Shaker, liderada por Crispian Mills, lanzou como single unha nova versión da canción de Joe South tralo éxito que acadou un ano antes a publicación do seu álbum de debut K. A irrupción de Kula Shaker supuxo a apertura ó britpop da influencia da cultura india, seguindo os pasos que comezara George Harrison alá polos anos 60 e 70. A versión de Kula Shaker de "Hush" foi incluída na banda sonora da película xuvenil Sei o que fixeches o último verán.
http://youtu.be/wh7r_f_rw0c
http://youtu.be/wh7r_f_rw0c
Ningún comentario:
Publicar un comentario