Amosando publicacións coa etiqueta 10cc. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 10cc. Amosar todas as publicacións

luns, 1 de xuño de 2015

No Milk Today

Os primeiros éxitos como compositor de Graham Gouldman estaban pensados para as voces de The Hollies, pero finalmente sería unha banda pop de Manchester quen a mediados dos sesenta o consagraría coma un dos compositores do momento. Aquela banda respondía ó nome de Herman's Hermits e se precisamente aínda hoxe permanece na memoria colectiva do pop é grazas as cancións de Gouldman. Quizais a máis importante na discografía de Herman's Hermits sexa "No Milk Today", que aparece no quinto álbum da banda, There's a Kind of Hush All Over the World (1967). Trata dun leiteiro, dos que tiñan que encher as botellas que os clientes deixaban na porta ás mañás segundo o costume británico, namorado platonicamente dunha das clientas; un día, ó non ver a botella na porta da muller, o leiteiro desespérase pensando no motivo, e supoñendo que no peor dos casos a muller mudouse xunto coa familia. 


Un ano despois, o propio Graham Gouldman gravouna para o seu propio disco de debut, The Graham Gouldman Thing (1968), pero sen o éxito que acadou con Herman's Hermits. Recuperou a versión de 1968  no compilatorio da súa banda 10cc Greatest Hits... And More (2006).

luns, 27 de outubro de 2014

Dreadlock Holiday

Graham Gouldman e Eric Stewart foron os alicerces de 10cc, a banda que formaron en 1972 despois do paso de Stewart por varias bandas e de que Gouldman compuxera unha morea de cancións que triunfaron noutras voces. Os comezos de 10cc foron frenéticos, como acostumaba suceder coas bandas desa época, publicando un álbum por ano. Con ese ritmo non é de estrañar que en 1978 xa fosen polo sexto e ese ano editábase Bloody Tourists, que se presentaba con "Dreadlock Holiday", o único single dese disco que chegou ó primeiro posto nas listas británicas, motivo polo cal o álbum lle produciu ós membros de 10cc unha certa sensación agridoce. "Dreadlock Holiday", escrita a medias entre Gouldman e Stewart, conta as vacacións do último en Xamaica xunto co cantante de Moody Blues, Justin Hayward, de aí o estilo reggae da canción.


En 2002, Intenso Project baseou en "Dreadlock Holiday" a súa canción "Luv Da Sunshine", unha das súas maiores "creacións".

xoves, 2 de xaneiro de 2014

The Dean and I

A mediados dos anos 70 o pop máis comercial e o estilo doo-wop, así coma o rock and roll máis clásico das dúas décadas anteriores considerábanse xa tan afastados dos novos sons que dominaban a música do momento que había artistas que non dubidaban en facer algún tipo de parodia, que no fondo agochaban un sentido respecto e admiración polas vellas tendencias musicais. É así como Graham Gouldman, gran coñecedor da música dos 60 e autor de moitos dos seus éxitos lembraba o estilo máis lúdico de grupos coma os Beach Boys no tema "The Dean and I", unha das cancións do primeiro disco de 10cc, o proxecto que montou xunto con Eric Stewart, Kevin Godley e Lol Creme, e que debutaban en 1973 cun álbum epónimo. "The Dean and I" tamén está inspirado nunha canción de Jerry Lee Lewis.

http://youtu.be/GJWnNmXiL8M

A canción de Jerry Lee Lewis que inspirou este tema dos 10cc é o single editado en 1958 "High School Confidential", un das mostras de rock and roll que ían marcar a toda unha xeración.

http://youtu.be/qNzEM-XwuiE

"The Dean and I" tamén fai unha referencia máis ou menos velada á versión que os Beach Boys fixeron da canción "Then He Kissed Me", canción escrita por Ellie Greenwich, Jeff Barry e o gran Phil Spector para The Crystals. A versión dos Beach Boys é de 1965 e aparece no álbum Summer Days (And Summer Nights!!), pero contén unha notable diferenza coa letra orixinal. A canción conta o momento en que un mozo bica a unha moza e está narrado dende o punto de vista dela. Non obstante, na versión dos Beach Boys a voz narrativa é a do mozo e por iso xa o título é diferente. Se a versión orixinal das Crystals se titula "Then He Kissed Me", a dos Beach Boys leva o título de "Then I Kissed Her", a mesma historia contada coa voz do outro personaxe protagonista.

http://youtu.be/z5aZeU0w9lM

E para que non quede atrás, a versión orixinal gravada por The Crystals en 1963, "Then He Kissed Me".

http://youtu.be/cE_jOD2Fxvs

mércores, 25 de setembro de 2013

I'm Not in Love

Graham Gouldman non tivo moita sorte nos seus comezos como músico en solitario, así que lle acababa cedendo as súas composicións a outros artistas que inmediatamente as convertían en éxito. Os principais beneficiados do xenio creativo de Gouldman foron The Hollies, Hammer's Hammit, e especialmente The Yarbirds, que fixeron de Gouldman un dos compositores máis solicitados a finais dos 60. Que as súas letras ocupasen os primeiros postos nas listas de vendas animouno a volver á primeira fila da música cun novo proxecto a comezos dos 70. Para iso rodeouse de Eric Stewart, Kevin Godley e Lol Creme, tres músicos e compositores solventes que xa traballaran con Gouldman anteriormente. Nacían así 10cc, unha banda recordada sobre todo por "I'm Not in Love", o gran éxito do disco The Original Soundtrack (1975).

http://youtu.be/2rgepWg4rzw

Das versións noutros idiomas que se fixeron desta canción, quedamos coa de Deborah Blando en portugués á que chamou "Somente o sol" do álbum epónimo da artista italo-brasileira publicado en 1998. A letra non garda relación coa orixinal.

http://youtu.be/ks6lgwk-dAM

Pero ademais de versións, "I'm not in Love" deixou unha importante pegada noutras cancións. Pensemos na de Billy Joel "Just the Way You Are", do álbum The Strange (1977).

http://youtu.be/HaA3YZ6QdJU

E no exitoso álbum de Daft Punk Discovery (2001) atópase "Nightvision", toda unha homenaxe dos franceses á canción de 10cc.

http://youtu.be/8HBAl4EFeFs