xoves, 2 de xaneiro de 2014

The Dean and I

A mediados dos anos 70 o pop máis comercial e o estilo doo-wop, así coma o rock and roll máis clásico das dúas décadas anteriores considerábanse xa tan afastados dos novos sons que dominaban a música do momento que había artistas que non dubidaban en facer algún tipo de parodia, que no fondo agochaban un sentido respecto e admiración polas vellas tendencias musicais. É así como Graham Gouldman, gran coñecedor da música dos 60 e autor de moitos dos seus éxitos lembraba o estilo máis lúdico de grupos coma os Beach Boys no tema "The Dean and I", unha das cancións do primeiro disco de 10cc, o proxecto que montou xunto con Eric Stewart, Kevin Godley e Lol Creme, e que debutaban en 1973 cun álbum epónimo. "The Dean and I" tamén está inspirado nunha canción de Jerry Lee Lewis.

http://youtu.be/GJWnNmXiL8M

A canción de Jerry Lee Lewis que inspirou este tema dos 10cc é o single editado en 1958 "High School Confidential", un das mostras de rock and roll que ían marcar a toda unha xeración.

http://youtu.be/qNzEM-XwuiE

"The Dean and I" tamén fai unha referencia máis ou menos velada á versión que os Beach Boys fixeron da canción "Then He Kissed Me", canción escrita por Ellie Greenwich, Jeff Barry e o gran Phil Spector para The Crystals. A versión dos Beach Boys é de 1965 e aparece no álbum Summer Days (And Summer Nights!!), pero contén unha notable diferenza coa letra orixinal. A canción conta o momento en que un mozo bica a unha moza e está narrado dende o punto de vista dela. Non obstante, na versión dos Beach Boys a voz narrativa é a do mozo e por iso xa o título é diferente. Se a versión orixinal das Crystals se titula "Then He Kissed Me", a dos Beach Boys leva o título de "Then I Kissed Her", a mesma historia contada coa voz do outro personaxe protagonista.

http://youtu.be/z5aZeU0w9lM

E para que non quede atrás, a versión orixinal gravada por The Crystals en 1963, "Then He Kissed Me".

http://youtu.be/cE_jOD2Fxvs

Ningún comentario:

Publicar un comentario