Amosando publicacións coa etiqueta Michael Jackson. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Michael Jackson. Amosar todas as publicacións

venres, 29 de xaneiro de 2016

P.Y.T (Pretty Young Things)

No fabuloso álbum de Michael Jackson, Thriller (1982) cada unha das nove cancións que o compoñen  ten o seu encanto propio, aínda que algunhas cancións posúen unha luz propia moito máis intensa ca outras. Nesas últimas podemos encandrar o corte 8, "P.Y.T (Pretty Young Things)", un tema composto por Quincy Jones e James Ingram e que saíu como sexto single dun traballo que culminaba unha etapa dourada na carreira de Michael Jackson. E con todo, "P.Y.T (Pretty Young Things)" é unha das cancións máis versionadas de Thriller, ademais de sentar as bases doutras tantas cancións que a empregaron de fonte para a súa elaboración.


Unha delas é a de Monica "All Eyez on Me", do álbum do mesmo título, editado en 2002, onde a cantante estadounidense interpola partes da canción de Michael Jackson para darlle contido ó seu tema.


Outra que tamén rende tributo a "P.Y.T (Pretty Young Things)" é "Good Life", canción que se inclúe no álbum de Kanye West Graduation (2007), pero desta volta o rapeiro optou só por empregar a melodía dos teclados.

mércores, 3 de xuño de 2015

A Horse with No Name

A primeira canción coa que America se presentou en sociedade é tamén a que máis éxito obtivo de todo o repertorio da banda de Dewey Bunnell. "A Horse with No Name" foi o single de lanzamento do álbum epónimo de America, editado en 1971, e malia ós posteriores hits que acadou, ningún se achegou de lonxe ó impacto que causou esta canción, xa que corenta anos máis tarde aínda é frecuente escoitala nas radiofórmulas, no cine e na televisión, polo que mesmo as novas xeracións a identifican sen grandes problemas. Considerada pola crítica como unha das mellores cancións dos setenta, a ningúen se lle escapa a influencia do traballo de Neil Young e doutros compositores folk cando Bunnell a escribiu.


Malia que nunca se saberá o que pensaba realmente Michael Jackson das gravacións que non chegou a editar en vida, o álbum póstumo Xscape (2014), o segundo que se publicaba con material inédito do rei do pop tralo seu pasamento, contén unha canción baseada en "A Horse with No Name", cun título que xa de entrada remite á canción de America, "A Place with No Name", facendo que sexa máis ben unha versión moderna con letra nova.

luns, 5 de xaneiro de 2015

Off the Wall

Malia que foi eclipsado polos traballos posteriores de Michael Jackson, Off the Wall (1979) marca un punto de inflexión na andaina do rei do pop, pois a partir de da súa publicación trázase xa definitivamente a diferenza entre a súa etapa nos Jacksons e o futuro que se abría como solista cunha carreira prometedora. Nese senso, Off the Wall xorde coma unha ópera prima rompedora, elaborada cuns obxectivos moi ambiciosos disposta a ser a pedra angular da carreira en solitario dun artista aínda novo, pero con moita experiencia e coñecedor do mundo en que se move. Sen ser o primeiro disco de Michael que se editaba en solitario, a implicación del en tódolos aspectos da xestación do álbum, a elección de Quincy Jones como produtor e tras rodearse de compositores coma Paul McCartney e Steve Wonder deixaban claro que aquilo non era simplemente un disco da voz principal dos Jacksons mentres os irmáns non preparaban novo material, senón que era un sinal inequívoco de que Michael Jackson preparaba coidadosamente unha nova etapa en solitario. "Off the Wall", canción que lle dá título ó álbum, é o quinto corte.


"Off the Wall" non é das cancións máis versionadas de Michael Jackson, pero aínda así Mariah Carey colleu un anaco dela para darlle lustre a "I'm That Chick", unha das cancións de E=MC2 (2008).

venres, 24 de outubro de 2014

Don't Stop 'Til You Get Enough

O potente equipo que Michael Jackson ía formar co produtor Quincy Jones comezou a xestarse cando Michael traballaba no quinto disco en solitario, o primeiro que o principal membro de  Jackson 5 ía lanzar con Epic, a compañía que fichou ós famosos irmáns tras abandonar Motown. E ben que conxeniaron ambos, porque o resultado de Off the Wall (1979) é un anticipo do que ía chegar con Thriller (1982), un dos discos máis aclamados da historia. En Off the Wall xa queda constancia da consagración de Michael Jackson como artista total en solitario, capaz de brillar só, armado cun feixe de excelentes cancións nas que tamén participa como compositor. De feito, no álbum hai dúas que só as asina Michael. Unha delas é a que abre o disco, "Don't Stop 'Til You Get Enough", considerada unha das mellores da discografía do rei do pop, que ó igual que outras cancións de Michael Jackson desa época, ten un referente claro na música de Marvin Gaye, pero iso verémolo con calma outro día.


Das versións máis rechamantes que se fixeron de "Don't Stop 'Til You Get Enough", destaca a de Juan Luis Guerra y 4.40 en clave merengue. Con letra en castelán, "Don't  Stop 'Til You Get enough" pasou a chamarse "Dame" no álbum Mudanza y Acarreo (1985).


Tamer Hosny baseou o seu tema "Howa Fain" na canción de Jackson. Pertence a Haeesh Hayati (2009).

xoves, 7 de agosto de 2014

Blame It on the Boogie

O gran soño de moitos músicos que intúen que as súas propias carreiras nunca terán unha gran repercusión é que as súas composicións acaben no repertorio dalgún artista ou grupo de renome, algo que alomenos lle repercutirá nuns xenerosos royalties. Mick Jackson, un compositor inglés, escribiu a mediados dos 70 xunto co seu irmán Dave e Elmar Krohn unha canción pensada para Steve Wonder. Tendo en conta o estilo do músico estadounidense, tentaron axustarse os seus patróns, de modo que en caso de que Wonder a gravara, non resultase moi alleo ó que estaba facendo. Mentres esperaban a resposta de Stevie Wonder, Mick Jackson gravouna en 1977 para darlle máis empaque e convencer dese xeito á discográfica de Wonder para que quedasen con ela.

http://youtu.be/ZcDj46elLhQ

No entanto, quen finalmente quedou con ela non foi Stevie Wonder, senón The Jacksons, que por ironías da vida compartían apelido co compositor. The Jacksons 5 acababan de abandonar a Motown e ficharan por Epic na procura de situarse de novo nos primeiros postos das listas de vendas. E haberíano de lograr con "Blame It on the Boogie", tema estrela de Destiny (1978), tamén o primeiro producido exclusivamente por Michael Jackson e os seus irmáns.


Das versións que se fixeron de "Blame It on the Boogie", triunfou no mundo hispánico a do mexicano Luis Miguel en castelán. "Será que no me amas" pertence ó álbum 20 años (1990).

http://youtu.be/HSiDCJALfW0

venres, 4 de xullo de 2014

Brand New You're Retro

Maxinquaye (1995), que supuxo o debut discográfico de Tricky, resultou ser un dos discos do ano, pois a proposta de Tricky, que combinaba o son do hip hop coa electrónica, o soul e o rock, convenceu á crítica, que vía neste novo artista unha das novas promesas que abandeiraba a música de vangarda, seguindo o camiño que non moito tempo atrás marcara Massive Attack, cos que Tricky xa colaborara. Con todo, en moitos aspectos pode apreciarse que Maxinquaye é ante todo o álbum dun debutante cun gran talento pero que non quere mostrar tódalas súas cartas na primeira xogada. As cancións están ateigadas de samples e das doce que compoñen o álbum só tres son totalmente orixinais, coma se con elas Tricky quixese mostrar que tamén sabía facer cousas sen un soporte anterior, algo que se foi vendo a medida que Tricky ía ampliando a súa discografía, cada vez máis con música propia. Das cancións de Maxinquaye, "Brand New You're Retro" non é nin moito menos a mellor, pero nos escasos tres minutos que dura, condensa dúas cancións, concretamente a dun artista e a dun grupo de hip hop, polos que Tricky sente gran admiración.


A primeira é a gran canción de Michael Jackson "Bad", que titulaba o álbum de 1987 do rei do pop.


A outra é a de Public Enemy "Mind Terrorist", do álbum It Takes a Nation of Millions to Hold Us Back (1988).

venres, 21 de febreiro de 2014

Rock with You

Era o membro dos Jacksons 5 máis cativo e á vez, o máis talentoso. Quizais esa luz propia coa que brillaba no escenario xunto coa súa curta idade, fixo que moi cedo comezase a publicar discos en solitario que engaloiaban a todo o mundo. Por iso cando en 1979 Michael Jackson publicou Off the Wall era xa todo un veterano, malia que non había moito que aquel mociño deixara atrás a infancia. Era o quinto álbum que publicaba, á marxe da andaina dos Jacksons 5 e contaba cun produtor como Quincy Jones, capaz de pulir á perfección o diamante que tiña entre mans. Dese xeito poderíase dicir que Off the Wall era un entremés de todo o que habería de vir despois, cuxa apoteose chegaría co álbum seguinte Thriller. Para moitos críticos "Rock with You", o segundo single extraído de Off the Wall non só é o mellor dese excelente disco, senón que tamén de toda a carreira de Michael, por riba mesmo de "Don't Stop 'til You Get Enough". Para nós, é unha máis das imprescindibles de Michael Jackson, que merece un lugar destacado en calquera lista das mellores cancións funk de todos os tempos.


"Rock with You" ten infinidade de versións e tamén está na base dalgunha canción nova. No pasado ano 2013, a canción de Michael Jackson renaceu no tema "All Night" de Luxury Elite e Saint Pepsi no álbum Late Night Delight.


Tamén ese ano apareceu unha das versións máis curiosas que se teñen feito de "Rock with You". En clave bossanova, a brasileira Fabiana Passoni sorprendía a todos con esta versión no álbum Dim the Lights.

martes, 29 de outubro de 2013

Bennie and the Jets

Elton John e Bernie Taupin formaron un dúo de compositores que lle reportou ó primeiro deles un feixe de alegrías en forma de cancións, que hoxe son imprescindibles no repertorio de Elton John.Unha delas é sen dúbida "Bennie and the Jets", que aparece no disco Goodbye Yellow Brick Road (1974), un dobre álbum que recolle algunhas das cancións máis coñecidas de Elton John. Facía a conta número sete na traxectoria do músico británico.


O primeiro sample que atopamos de "Bennie and the Jets" é no tema de Mary J. Blige "Deep Inside". A cantante de R&B recorre á música de Elton John na canción do álbum  Mary (1999).


Tampouco se resistiu á tentación de "Bennie and the Jets" Ashanti, que a sampleou en "Good Good", un dos seus singles extraídos do álbum The Declaration (2008).



Pero na estrutura de "Good Good" non só atopamos a "Bennie and the Jets", xa que hai outra famosa canción que contribúe co seu son a facer de "Good Good" unha das mellores cancións de Astani. Trátase de "The Girl is Mine", interpretada por Michael Jackson e Paul McCartney. A colaboración destes dous xenios forma parte do mítico Thriller (1982) e a canción  tampouco escapou da polémica no seu momento. Robert Smith sinalou que lembraba moito ó estilo dalgúns temas de The Cure, pero Fred Sanford acusou a Michael Jackson por plaxia-la súa canción "Please Love Me Now". (Gustaríanos ofrecervos algunha ligazón á canción de Sanford para que puidésedes comparar e sacar as vosas propias conclusións, pero non nos foi posible atopalo, así que vos pedimos desculpas.)

martes, 21 de maio de 2013

Owner of a Lonely Heart

Cando falamos de rock sinfónico sempre nos acode á mente os nomes de grandes bandas coma Pink Floyd, The Alan Parsons Project, Supertramp, Yes.. e tantos outros. Ben, malia a longa traxectoria que Yes tivo dende os anos 70 hoxe recórdase sobre todo por unha canción que trascendeu todas as barreiras para convertirse nun deses himnos imprescindibles que impregnan a música moderna e que pertence ó undécimo disco da banda de Jon Anderson 90125 de 1983. Estamos a referirnos a "Owner of a Lonely Heart", que por outra parte garda algunha curiosidade, coma que é unha das primeiras cancións de rock que contén un sample da canción de Kool and the Gang "Kool is Back"  na versión que fixeron Funk Inc. en 1972, que aparece nada máis comeza-la canción e que normalmente pasa desapercibido para o oínte. En primeiro lugar, escoitamos "Owner of a Lonely Heart".


Agora, o tema que popularizou Funk Inc. once anos antes.


Pero aparte desta curiosidade, "Owner of a Lonely Heart" convertiuse nun modelo para cancións posteriores, que se inspiraron nela, coma "D.s", canción de Michael Jackson no álbum History (1995).


Malia que a máis evidente é a de Dubstar "No More Talk", do álbum de 1997 Goodbye.


Tamén se inspirou en "Owner of a Lonely Heart" a banda venezolana Caramelos de Cianuro na canción "Baby Cohete" do disco Flor de Fuego (2006).


E tamén a turca Hande Yener recorreu a Yes na canción "Hypnoz" no álbum do mesmo nome de 2008.




martes, 8 de maio de 2012

I Can't Go for That (No Can Do)

Daryl Hall e John Oates formaron un dos dúos máis influentes durante os últimos anos dos 70 e comezos dos 80. Hall & Oates son hoxe recoñecidos sobre todo polo seu trallazo "Maneater" que aínda soa nas radiofórmulas de medio mundo. No entanto, deixáronnos unha colección de boas cancións á sombra de "Maneater", como é "I Can't Go for That (No Can Do)" que convén descubrir. Este tema en concreto atópase no disco de 1981 Private Eyes e, ademais  das versións, esta canción foi sampleada en numerosas ocasións especialmente por artistas de hip-hop. Con todo, a súa influencia está presente mesmo nalgunha canción que pode sorprendernos.


Polo visto, durante a gravación de "We Are The World", cantado por un sinfín de artistas a mediados dos anos 80 con fins benéficos impulsado por Michael Jackson, este confesoulle a Daryl Hall que empregara para "Billie Jean" do exitoso Thriller (1983), algunhas notas do baixo de "I Can't Go for That (No Can Do)".


Para acabar, deixámosvos a canción de Simply Red "Sunrise" do álbum Home (2003) onde Mick Hucknall emprega claramente un sample da canción de Hall & Oates.

xoves, 1 de marzo de 2012

Beat It

Se hai un álbum fundamental na historia da música moderna ese é sen dúbida Thriller (1982), de Michael Jackson tanto polo éxito de vendas que supuxo como pola calidade de cada unha das cancións, que contou coa produción coidada de Quincy Jones. Supuxo a confiramción de Michael Jackson tras Off The Wall, o seu primeiro traballo en solitario á marxe de The Jacksons Five. "Beat It", a canción que hoxe che presentamos, é unha das que teñen máis forza rítmica, nela colaborou o guitarrista Van Halen, que lle achegou o riff tan característico deste tema.

Miniatura
 http://youtu.be/oRdxUFDoQe0

A versión máis importante que se fixo de "Beat It" é a da banda de Chicago Fall Out Boy, que a incluiron no seu disco Folie á Deux (2008) e souberon darlle un toque rock grazas á colaboración nas guitarras de John Mayer.

 Miniatura
  http://youtu.be/sk8Pb17pcQI

venres, 17 de xuño de 2011

Soul Makossa

Se hai algo de bo no feito de que a música se recicle mediante samples e plaxios é que serve para rescatar do esquecemento a artistas e grupos dos que ninguén se lembra. Agora ben, as omisións que ás veces se producen destes artistas cando escoitamos as súas composicións renovadas non deixan de ser unha inxustiza cos autores orixinais. Algo así é o que lle aconteceu a Manu Dibango, un saxofonista camerunés, que en 1972 logrou un éxito insólito co seu debut "Soul Makossa", que aparecera como cara B do single "Mouvement Ewondo", himno da selección camerunesa de fútbol para a Copa de África dese ano. Non nos diredes que non vos resulta familiar:


Efectivamente, quizais a canción maís famosa que incluíu o popular retrouso de "Soul Makossa" e que serviu para perpetuala no tempo, é a de Michael Jackson "Wanna Be Startin' Somethin'", do fantástico Thriller, de 1982.

 http://www.goear.com/listen/2eb4150/wanna-be-startin-somethin-michael-jackson

 Pero os que máis se aproveitaron da canción de Manu Dibango foron os artistas de hip-hop: Fugees, Will Smith, Jay Z, Eminem e mesmo recentemente Kayne West, no seu último disco My Beautiful Dark Twisted Fantasy, do ano pasado, introduce o famoso retrouso ó final da canción "Lost In The World". Tamén o rapeiro de Torrejón de Ardoz, El Chojin, no álbum de 2005 8jin, recuperaba a "Soul Makossa" no tema "Algo más que música", coa colaboración de Donpa.

 http://www.goear.com/listen/072d2e3/algo-mas-que-musica-chojin-and-donpa

"Soul Makossa" non é unha canción relegada só o mundo do hip-hop. A banda norteamericana de rock alternativo Bloodhound Gang tamén empregou o tema de Manu Dibango en "Mama Says", do álbum Use Your Fingers (1995).

 http://www.goear.com/listen/4d310f2/mama-say-the-bloodhound-gang

No entanto, neste novo século, se "Soul Makossa" segue de moda, é grazas sen dúbida á canción de Rihanna "Please, Don't Stop The Music", do álbum Good Girl Gone Bad (2007).

 http://www.goear.com/listen/6037b18/dont-stop-the-music-rihanna

Este tema tan popular, tivo unha versión impresionante a cargo de Jamie Cullum no álbum de 2009 The Pursuit, xa sen recorrer a "Soul Makossa".

 http://www.goear.com/listen/940c785/dont-stop-the-music-jamie-cullum-