O potente equipo que Michael Jackson ía formar co produtor Quincy Jones comezou a xestarse cando Michael traballaba no quinto disco en solitario, o primeiro que o principal membro de Jackson 5 ía lanzar con Epic, a compañía que fichou ós famosos irmáns tras abandonar Motown. E ben que conxeniaron ambos, porque o resultado de Off the Wall (1979) é un anticipo do que ía chegar con Thriller (1982), un dos discos máis aclamados da historia. En Off the Wall xa queda constancia da consagración de Michael Jackson como artista total en solitario, capaz de brillar só, armado cun feixe de excelentes cancións nas que tamén participa como compositor. De feito, no álbum hai dúas que só as asina Michael. Unha delas é a que abre o disco, "Don't Stop 'Til You Get Enough", considerada unha das mellores da discografía do rei do pop, que ó igual que outras cancións de Michael Jackson desa época, ten un referente claro na música de Marvin Gaye, pero iso verémolo con calma outro día.
Das versións máis rechamantes que se fixeron de "Don't Stop 'Til You Get Enough", destaca a de Juan Luis Guerra y 4.40 en clave merengue. Con letra en castelán, "Don't Stop 'Til You Get enough" pasou a chamarse "Dame" no álbum Mudanza y Acarreo (1985).
Tamer Hosny baseou o seu tema "Howa Fain" na canción de Jackson. Pertence a Haeesh Hayati (2009).
Ningún comentario:
Publicar un comentario