Cada vez máis asentados coma unha das bandas de rock de referencia nos setenta, sobre todo tralo fulgurante éxito de The Jocker (1973), a publicación dun novo traballo da Steve Miller Band convertíase algo así como un pequeno acontecemento para a crítica en xeral, pero especialmente para os seguidores do grupo que agardaban expectantes as novas composicións de Steve Miller. Así que por fin, cando saíu Fly Like an Eagle (1976) puideron comprobar que a espera non fora en van. Coa creatividade de sempre, a Steve Miller Band presentaba unha colección de temas francamente memorables, desde o primeiro tema ata o último. A canción de cabeceira coa que promocionaron o disco foi a gran "Take the Money and Run", pero outras non ían quedar atrás, coma "Fly Like an Eagle", outra das cancións máis especiais da Steve Miller Band.
A repercusión da canción que lle deu título ó noveno disco da Steve Miller Band foi grande, especialmente no mundo do hip hop. Resulta rechamante a cantidade de rapeiros que recorreron a ela, así que imos a quedar só con "Nobody Beats the Biz", o tema de Biz Markie de 1986, que foi o primeiro en samplear a canción de Steve Miller, unha máis xunto con outras doutros artistas, que ben combinadas conforman "Nobody Beats the Biz", aínda que a máis evidente é precisamente "Fly Like an Eagle". Pertence o primeiro disco deste rapeiro, Goin' Off (1988).
Tamén tivo certa relevancia a de Vanilla Ice "Rollin' in My 5.0", do álbum Extremely Live (1991).
Pero a visibilidade de "Fly Like an Eagle" volveu na versión que Seal fixo para a película Spacejam (1996), aquela na que Michael Jordan compartía pantalla con Bugs Bunny. O éxito foi tal que moitos rescataron a versión orixinal. Por se fose pouco, Seal engadiu na súa versión parte de "Space Intro", o primeiro corte de Fly Like an Eagle, que en realidade é unha introdución instrumental de apenas dous minutos, pero independente de "Fly Like an Eagle", que é a seguinte canción no álbum da Steve Miller Band.
E para non ser menos, rematamos esta entrada con "Space Intro".
Ningún comentario:
Publicar un comentario