A mediados dos sesenta a cidade de Nova York alumbraba un proxecto musical baixo a atenta mirada de Andy Warhol que habería cambiar a perspectiva do rock. Acababa de nacer The Velvet Underground, que reunía a uns músicos cun talento descomunal. Lou Reed, John Cale, Maureen Tucker e Doug Yule ían revolucionar as bases do rock experimental e da escena independente xa desde os primeiros singles, ós que á última hora tamén se sumou outra das protexidas de Warhol, Nico. Así pois, tras un par de singles, aparecía o primeiro disco, The Velvet Underground & Nico (1967), con algunhas das cancións clave na traxectoria da banda. "European Son", que pecha o álbum, é a única que está asinada polos catro membros de The Velvet Underground e está dedicada a Delmlore Schwartz, mentor literato de Lou Reed.
Baseada en "European Son", Yo La Tengo compuxeron "Moby Octopad", co ritmo menos acelerado, pero igual que o da canción de The Velvet Underground. Pertence a I Can Hear the Heart Beating as One (1997).
Pero a influencia desta canción de The Velvet Underground vai maís aló. De feito, Simple Minds gravaron unha canción co mesmo título e a pesar de que tanto a letra como a música é distinta á The Velvet Underground, o estilo é moi semellante ó da banda neiorquina. Simple Minds incluírona no álbum The Early Years: 1977-1978 co que os escoceses recuperaron as cancións dos seus comezos.
E outro tanto lle pasou a Japan, que ó igual que Simple Minds crearon unha canción co título de "European Son" nos seus comezos a finais dos 70, período que coincide co da banda de Glasgow. Non obstante, o estilo da canción de Japan está algo máis afastado do de The Velvet Underground e é máis acorde co son da new wave que se levaba na época.
Ningún comentario:
Publicar un comentario