Despois de que os noruegueses A-ha publicasen Memorial Beach en 1993 parecía que a banda de Morten Harket daba por finiquitada a súa andaina, xa que non volveran repetir nada semellante a "Take On Me", aquel single que os elevara a sona nun xa afastado 1984 e polo tanto, todo indicaba que a época dourada de A-ha quedaría restrinxida só os anos oitenta. Por se fose pouco, o guitarrista Paul Waaktaar-Savoy puxo en funcionamento o seu propio grupo apenas uns meses máis tarde, o que facía aumentar as sospeitas sobre o final de A-ha. Con esa bagaxe e o legado que supón estar nunha banda con tanto éxito comercial, Paul volveu á escena xunto coa súa dona, Lauren Savoy, e coa fichaxe do batería Frode Unneland, botábase a andar Savoy, máis encamiñado á música indie e por suposto, cunhas expectativas máis modestas que as que conseguiu A-ha. O primeiro álbum que veu a luz foi Mary Is Coming (1996), onde se recolle esta fermosa canción, "Velvet".
Pero case contra todo prognóstico, A-ha volveu á carga para preparar o que sería o sexto disco, Minor Earth Major Sky, que se publicou a finais do verán do ano 2000 e Paul Waaktaar-Savoy quixo aproveitar a etapa paralela que vivía con Savoy para facer unha versión dun dos seus temas favoritos coa súa banda de toda a vida. A elixida foi "Velvet", á que se lle fixeron novos arranxos e desde logo, a repercusión ía ser maior con A-ha. Tanto que foi o terceiro single do álbum e co gallo de que non era unha versión orixinal de A-ha, Paul conseguiu que Savoy tivese unha maior visibilidade en todo o mundo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario