xoves, 23 de outubro de 2014

Hang On Sloopy

Na andaina de The Vibrations, un grupo de comezos dos sesenta, non se contan demasiados éxitos, pero si teñen no seu currículum un trallazo coma "My Girl Sloopy", que pese ó estilo máis próximo ó soul, cimentou o son garage rock, que en tan pouco tempo ía ser un dos estilos desa década na versión de The McCoys. Malia que cando se publicou, "My Girl Sloopy" tivo un éxito morno, foi o suficientemente grande para que The McCoys a gravaran cun novo título, "Hang On Sloopy", en clave rock, que os levou a ocupar o primeiro posto das listas estadounidenses. Acababa de prender o garage rock e con el un riff de guitarra que ían facer de "Hang On Sloopy" un clásico da década.


"Hang On Sloopy" foi o primeiro single de The McCoys e o único que chegou o primeiro posto das listas. Cos seguintes non terían tanta sorte e acabarían por esmorecer ó final dos sesenta. Pero lograran colocarse nun oco privilexiado na historia do rock coa versión de The Vibrations.


Poucas semanas despois da publicación de "Hang On Sloopy" por parte de The McCoys, comezaron a agromar as versións, xa que poucas bandas de rock se resistían a gravala. Unha das que tivo máis éxito foi a de The Yardbirds no álbum For Your Love (1965), aínda que a banda de Jeff Beck e Eric Clapton mantiveron o nome co que a gravaran The Vibrations, "My Girl Sloopy".


Pero non só as bandas de rock se sentían atraídos por "Hang On Sloopy". The Supremes tamén gravaron unha versión co seu estilo pop no álbum The Supremes A' Go-Go (1966).


Pero a influencia de "Hang on Sloopy" foi máis aló das versións. Nas primeiras bandas de garage, nótase que o riff da guitarra serviu nas novas composicións, coma no single de The Weeds "It's Your Time" (1966).


O mesmo se pode dicir de Kit and the Outlaws e o single "Don't Tread on Me" (1966), un dos seus maiores éxitos, que tamén se basea en "Hang On Sloopy".

Ningún comentario:

Publicar un comentario