Elvis Costello emerxeu coma un dos grandes cantantes de rock nos 70 cando publicou o primeiro álbum tras pasar uns anos probando sorte na procura dun proxecto que o catapultase ó estrelato. Tras logralo con My Aim is True (1977), Costello converteuse nun músico prolífico publicando unha media de disco por ano e cada vez con cancións de maior nivel. This Year's Model (1978) foi o segundo disco na carreira de Costello, pero para a súa publicación fíxoo baixo o epígrafe da banda que o acompaña en todas as actuacións, The Atractions. Unha das cancións de This Year's Model é "Pump It Up", unha das máis celebradas de Elvis Costello, cun riff de guitarra dos que fan historia.
Mesturada con samples doutras cancións, "Pump It Up" forma parte duha das cancións de Beastie Boys, "Egg Man", do álbum Paul's Boutique (1989).
O riff de guitarra de "Pump it Up" tamén lle valeu a Rogue Traders para que o tema "Voodoo Child" tivese algo de consistencia. Pertence a Here Comes the Drums (2005).
Pero tamén se conta que "Get on Your Boots", single de presentación do fallido álbum de U2 No Line on the Horizon (2009) ten ecos da canción de Elvis Costello, cousa que de ser certa, demostraría que non é necesario recorrer ós samples para devolver ó presente unha canción antiga. Tamén é verdade que "Get on Your Boots" é unha das peores cancións de U2 e que a elección desta como single só fixo desvirtuar un álbum que no fondo non é tan malo. Xa deberían ter aprendida a elección.
Ningún comentario:
Publicar un comentario