venres, 31 de outubro de 2014

Another Mother

Kayo Shekoni nunca foi moi coñecida fóra das fronteiras de Suecia, onde se labrou unha reputada carreira como cantante de pop, hip hop, reggae e house. Non obstante, unha das compoisicións de Kayo está detrás do maior éxito duns compatriotas seus, Ace of Base, malia que iso non lle serviu para despegar no resto de Europa. O primeiro single de Kayo Shekoni chegou ás tendas suecas no ano 1980 e dende entón a súa presenza volveuse bastante irregular ata que por fin, en 1990 Kayo lanzou o seu primeiro álbum, Kayo (1990), que contén "Another Mother". O son deste tema acabaría por inspirar a Ace of Base, que daquela aínda estaban comezando, para compór todo un rompepistas dos anos noventa.


Falamos naturalmente de "All That She Wants", que por pouco eclipsa toda a carreira posterior de Ace of Base. A canción incluíuse por primeira vez en Happy Nation (1992), o álbum co que debutaron, e en vista do trallazo en que se estaba convertendo, non podía faltar en The Sign (1993), que supuña o lanzamento internacional de Ace of Base e onde non faltaban outras cancións de Happy Nation. De feito, en moitos países, editouse co nome Happy Nation, sen distinguilo da versión sueca.


Con "All That She Wants" fixéronse moitas versións e tamén algún esperpento no que a canción de Ace of Base é o ingrediente principal, pero aínda así resulta curiosa a versión que The Kooks fixeron para o dobre álbum da BBC Radio 1 co motivo do seu 40 aniversario Radio1 Established 1967 (2007), onde algúns dos artistas máis relevantes da escena británica actual versionaban cancións doutros artistas, feito bastante común en Radio 1, que ó longo da súa historia nos seus estudios se gravaron versións sorprendentemente boas por parte de grandes artistas. Mágoa que o modelo non se estendese polas radios doutros países.

Ningún comentario:

Publicar un comentario