xoves, 30 de outubro de 2014

School Days

Mestre dos máis grandes, Chuck Berry empezou a cimentar a súa lenda a mediados dos cincuenta, cando editou os primeiros singles co novo son eléctrico do rock and roll. En 1957 xa tiña material máis que suficiente para a publicación dun primeiro álbum de longa duración, After School Session, unha colección de cancións que o tempo ía converter en imprescindible, un dos discos fundamentais da historia da música. Nel xa aparecen temas como "Roll Over Beethoven", "Too Much Monkey Business" e "Maybellene", por citar só algúns dos que se acabaron reproducindo nas voces e nos instrumentos dunha lexión de bandas e músicos que recoñecían en Berry un alicerce do rock que lles servía de fonte de inspiración. "School Days", que tamén se coñece co título "School Day (Ring! Ring! Goes the Bell)", abre o disco, e a melodía tamén lle valeu ó propio Chuck Berry para compór anos máis tarde outras dúas cancións, que ata parecen simples versións de "School Days", pero asemade teñen un brillo propio que xenios coma Berry só lles podían dar.


Chuck Berry compuxo unha canción co mesmo son de "School Days" no álbum St. Louis to Liverpool (1964). Foi un dos singles, "No Particular Place to Go".


Pero uns meses antes, nese mesmo ano, Chuck Berry incluíra no recompilatorio You Never Can Tell (1964) "Big Ben Blues", que do mesmo xeito que "No Particular Place to Go" parece unha versión de "School Days" con outra letra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario