xoves, 9 de outubro de 2014

Ain't No Love in the Heart of the City

Bobby Bland tivo unha carreira discográfica prolífica que abarcou desde o blues dos primeiros tempos ata un elegante soul co que foi modelando o seu estilo ata facer del un músico cun dos rexistros máis variados. Desde os comezos nos anos 50 ata ben entrados os 90, Bobby Bland non deixou de entrar nos estudios de gravación, pero en 1974 ía producirse un momento significativo na súa carreira. Coincidiu coa súa fichaxe pola discográfica Dunhill e como sempre que se trata dun estreno, había que coidar moito a preparación do novo álbum. As cancións escollidas para formar Dreamer (1974) seleccionáronse con esmero, de aí que o disco sexa un dos mellores. Nel está "Ain't No Love in the Heart of the City", fermosísima canción soul, pola que aínda hoxe Bobby Bland permanece na memoria, tanto de artistas,  de crítica coma de público.


En 1978 faise a primeira versión de "Ain't No Love in the Heart of the City". Lévana a cabo os debutantes Whitesnake, unha banda con inclinación ó rock metal con toques de glam que na década seguinte se convertiría nunha das grandes bandas do rock comercial. A súa versión, entre o blues e o rock, marcou o despegue da súa carreira e pertence o EP Snakebite (1978).


A versión de Whitesnake igualou a sona da orixinal de Bobby Bland, o que ocasionou que os artistas que se decidiron a versionar "Ain't No Love in the Heart of the City" se dividisen en facela en clave soul ou en clave rock. Unha das mellores rock é a de Paul Weller en 1998.


En clave soul non está nada mal a de Lukas Graham, aínda que lle variou un pouco a letra. De feito, a súa versión titúlase "Daddy, Now That You're Gone (Ain't No Love)" é está no álbum epónimo co que debutou en 2012.


Outros artistas, en cambio, en vez de facer versións prefiren empregar samples nas súas propias composicións. Un deles é GRIZ en "Where's the Love", que comeza coa canción de Bobby Bland. "Where's the Love" pertence a Mad Liberation (2012).


Ningún comentario:

Publicar un comentario