Amosando publicacións coa etiqueta The Who. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta The Who. Amosar todas as publicacións

luns, 14 de setembro de 2015

Let My Love Open the Door

Como é habitual en moitas bandas de éxito, a alma máter de The Who, Pete Townshend, comezou moi cedo unha carreira en solitario paralela á do seu grupo, aínda que con menos repercusión, porque nunca acadou a transcendencia do seu traballo con The Who, para quen parecía reservar as súas mellores creacións. Con todo, Townshend sempre se mostrou incansable e cada pouco editaba un álbum en solitario, que aplacaba as ganas dos fans da banda de novo material, mentres agardaban os seguintes movementos de The Who. O álbum que máis sona conseguiu foi Empty Glass (1980) cuxo primeiro single, "Let My Love Open the Door", está dedicado a gurú espiritual de Townshend, Meher Baba, con quen traballara nos seus primeiros discos en solitario e quen tamén inspirou algunhas das grandes cancións de The Who, coma "Baba O'Riley".


Un ano despois da publicación de Empty Glass, The Who editaba o seu noveno álbum, Face Dances  (1981), onde se inclúe "You Better You Bet", outra composición de Townshend, que para algúns ten por momentos algunha similitude con "Let My Love Open the Door". O caso é que tanto o son dunha como da outra conteñen un lixeiro resto do de "Baba O'Riley", que como xa vimos, é quizais a canción máis influente de The Who.

venres, 15 de maio de 2015

Won't Get Fooled Again

Das faíscas que quedaron do proxecto de ópera rock, Lifehouse, que The Who pretendía pór en marcha, saíu o álbum Who's Next (1971), que sen posuír a fastuosidade de Tommy, é un dos grandes discos da banda de Pete Townshend e Roger Daltrey, unha marabillosa transición ata Quadrophenia, o seguinte álbum e desta volta, si unha nova ópera rock á altura de Tommy. Who's Next estreábase con single "Won't Get Fooled Again", precisamente o tema que pecha o álbum e que estaba destinado a pórlle o punto final a Lifehouse


"Won't Get Fooled Again" non ten a popularidade de "Baba O'Riley", o segundo single de Who's Next, pero como a maioría das cancións de The Who goza dun gran recoñecemento entre outros artistas, que tamén a versionaron nalgunha ocasión. A máis coñecida é a de Labelle en clave soul no álbum Moon Shadow (1972). 


As novas xeracións de músicos tampouco se esquecen de The Who e da influencia que exerce. A canción de McFly "I'll Be OK", do álbum Wonderland (2005) ten un comezo que remite a "Won't Get Fooled Again".

luns, 13 de outubro de 2014

Hitchcock Railway

No ano 1969 Joe Cocker debutaba cunha versión do tema dos Beatles "With a Little Help from My Friends", que o ían converter nunha das grandes revelacións do momento. O primeiro álbum titulouno igual que a canción que lle acababa de reportar tanto éxito, pero en apenas seis meses, Cocker aproveitaba a boa estrela coa edición dun novo álbum que repetía a fórmula do anterior: algunha canción propia ou composta para el e versións doutros músicos. Dese modo, o mes de novembro traía Joe Cocker!  (1969), tamén un bo disco, pero sen ningún trallazo coma "With a Little Help from My Friends", polo que Joe Cocker fixo unha pausa de tres anos para preparar en condicións o seguinte disco. Pero unha das cancións que pasou menos inadvertida nese segundo álbum é "Hitchcock Railway".


"Hitchcock Railway" é un dos poucos temas orixinais do álbum e talvez por iso centrou mellor a atención de Pete Townshend, que tomou a secuencia de piano para "Drowned", unha  das cancións que compoñen a ópera rock Quadrophenia (1973), sexto álbum de The Who.

xoves, 24 de xullo de 2014

Sparks

Pete Townshend e os restantes membros de The Who estaban dispostos a que o nome da banda quedase gravado nos anais da historia da música e para iso puxeron en marcha un proxecto de ópera rock que ía establecer as bases do rock progresivo e unha nova dimensión para un xénero que xa non se vía coma un residuo subcultural. Cando Tommy (1969) empezou a tomar forma, The Who xa era unha das bandas máis respectadas no ámbito musical, con tres discos publicados que consagraran a The Who como unha das grandes da chamada Invasión Británica. E con todo, The Who preparou o seu cuarto disco como algo máis ca un simple álbum de rock. Calcando a estrutura da ópera, deu lugar ó concepto de ópera rock e Tommy é hoxe unha das obras máis celebradas do rock. Nas vinte e catro cancións que conforman o álbum hai algunha instrumental, coma "Sparks", que non desmerecen do resto.


Coma moitos temas de The Who, "Sparks" tamén soubo deixar a súa pegada noutras cancións coma a de Bad Company "Feel Like Makin' Love", pertencente ó álbum Straight Shooter (1975).


E se a canción de Bad Company débelle  o seu son a "Sparks", a canción de The Presidents of United States of America "Peaches", do álbum epónimo de 1995, tómao de "Feel Like Makin' Love". Unha vez máis, o espíritu de The Who estaba presente nas novas xeracións.

martes, 13 de maio de 2014

Baba O' Riley

O éxito da ópera rock Tommy (1969) foi tal que Pete Townshend empezou a traballar nunha nova enseguida. Así que ó pouco xa tiña ideado o que sería Lifehouse, unha ópera rock con temática futurista, pero cando xa estaba bastante avanzado o proxecto, as dúbidas iniciais incrementáronse e ante a posibilidade de que Lifehouse fracasase, The Who decantouse por gravar un disco máis convencional que contiña algunhas das cancións que ían formar parte de Lifehouse. Iso supuxo a aparición de Who's Next (1971), quinto álbum dos londinienses, que haberían volver á senda das óperas rock co seguinte disco, Quadrophenia (1973). Entre tanto, en Who's Next, The Who incluía cancións tan significativas no seu repertorio coma "Baba O' Riley", co que arrancaba o álbum.

http://youtu.be/gY5rztWa1TM

Un dos músicos que máis admiración sentiu pola música de The Who foi o canadense Randy Bachman, que mesmo bautizou a unha das súas primeiras bandas coma The Guess Who, en clara homenaxe á banda de Pete Townshend. O gusto de Randy Bachman por The Who volveuse plasmar nunha das cancións da súa banda Bachman-Turner Overdrive, onde hai certas reminiscencias do son de "Baba O' Riley". A canción é "You Ain't Seen Nothin' Yet", pertencente ó álbum Not Fragile (1974).

http://youtu.be/8XZWgHNcUeA

En moita menor medida que a canción de Bachman-Turner Overdrive, "Baba O'Riley" tamén semella estar presente na canción de Noah and the Whale " Tonight's the Kind of Night", do álbum Last Night on Earth (2011).

http://youtu.be/W_yvQuWfj2E

Recentemente, os acordes de "Baba O'Riley" tamén se poden escoitar ó comezo da canción de One Direction "Best Song Ever", do álbum Midnight Memories (2013).

http://youtu.be/lcZBhvSxg_8

martes, 25 de marzo de 2014

Plaisir d'amour

A partir dun poema do escritor romántico Jean-Pierre Claris de Florian, Jean-Paul Égide Martini compuxo unha canción á que titulou "Plaisir d'amour", nun momento en que a corrente do Romanticismo dominaba tódolos xéneros artísticos en Europa. A composición de Martini non tardou en triunfar en Francia, e a comezos dos século XIX "Plaisir d'amour" era practicamente un clásico que as principais voces da ópera non se resistínan a interpretar. Pero tamén fóra dos círculos clásicos, "Plaisir d'amour" tamén tivo unha excelente acollida que se estende ata a actualidade.


Un dos principais motivos polo que a popularidade de "Plaisir d'amour" se espallou alén dos anos 60 ante o gran público débese a canción que Elvis Presley interpretou coa base de "Plaisir d'amour", a célebre "Can't Help Falling in Love", que é practicamente unha versión nova cunha letra diferente, pero mantendo a mesma melodía. Pertence o álbum Blue Hawaii (1961).


Tamén Aphrodite's Child fixo unha nova adaptación de "Plaisir d'amour" na canción "I Want to Live" en 1969, single que finalmente no incluíron en ningún dos poucos discos que publicaron.

http://youtu.be/UlPd5C2r3Og

Coa enorme popularidade que collían tódalas cancións de Elvis Presley, "Can't Help Falling in Love" conta cunha estensa lista de versións, pero a que máis repercusión tivo nas últimas décadas foi a dos irlandeses UB40 en clave reggae, nun dos seus discos máis exitosos Promises and Lies (1993).


Unha das versións en castelán máis sorprendentes é a de Mägo de Oz no álbum Belfast (2004), á que titularon "Todo irá bien". 


Ese mesmo ano The Who publicaban unha compilación de grandes éxitos chamada Then and Now (2004), onde a banda de Pete Townshend incluía un tema inédito baseado en "Can't Help Falling in Love", que servía de homenaxe a Elvis Presley. Trátase de "Real Good Looking Boy".

luns, 28 de outubro de 2013

Misery

The Dynamics, un grupo vocal de R&B procedente de Detroit, non tivo un recorrido excesivamente longo no mundo da música. A súa traxectoria abarcou a década de 1960 e parte dos anos 70, pero tan só nos deixaron varios singles e tres discos de longa duración. No entanto, esta banda que tiña como manáger a Ted White e que se caracterizou por un son que algúns definen coma "protofunk" deixou un recordo cun dos seus primeiros singles, editado en 1963. "Misery", que sería un título constante en ducias de cancións posteriores, apenas tivo transecendencia cando se publicou, pero ó ano seguinte un grupo de debutantes se ían encargar de inmortalizala.


Esa nova banda viña de Reino Unido e facíanse chamar The High Numbers, malia que non tardarían en cambialo polo de The Who. A súa andaina discográfica comezou en 1964 coa publicación dun single "Zoot Suite", que ten a mesma melodía cá de The Dynamics. A cara B, como xa vimos noutra ocasión, "I'm the Face" tampouco ten unha música orixinal. Quen ía dicir nese momento que a banda composta por Pete Townshend ía chegar a ser o que é hoxe?

luns, 15 de xullo de 2013

Got Love If You Want It

James Moore, máis coñecido nos círculos musicais coma Slim Harpo, foi un dos músicos de blues máis influentes na música rock dos anos 60. Nacido en Louisiana en 1924, Slim Harpo converteuse nunha referencia nos anos 50 grazas a cancións coma "I'm a King Bee" e "Got Love If You Want It", caracterizados polo son da harmónica que Slim Harpo empregaba en cada un dos seus temas e que se reflectía no seu nome artístico. "Got Love If You Want It" foi o seu segundo maior éxito.


A música de Slim Harpo estivo moi presente nos comezos de The High Numbers, unha banda formada por Pete Townshed e que non tardaría en cambia-lo nome polo de The Who, co que acadarían dun anaco de gloria nos anais do rock. "I'm the Face", que aparecía na cara B do single co que debutaron en 1964 "Zoot Suit" é unha versión da canción de Slim Harpo coa letra cambiada.

mércores, 30 de xaneiro de 2013

Louie Louie

Richard Berry asinou en 1956 unha das cancións máis lendarias do rock, "Louie Louie", un clásico entre os clásicos que inspirou a artistas de tódalas xeracións, especialmente na versión que fixeron os Kingsmen. Mais Berry tamén baseou parte do ritmo da súa mítica canción nos sons procedentes de Cuba, concretamente no tema "El Loco Cha Cha Cha" de René Touzet, que popularizou Ricky Rillera and the Rhythm Rockers.


O caso é que a Richard Berry lle quedou así Louie Louie. Ofrecemósvos á versión orixinal de 1957.


As versións que se fixeron de "Louie Louie" dende os anos 60 son incontables. En España tivo moito éxito á versión en castelán de Los Corbs en 1966.


Ademais das versións, "Louie Louie" inspirou dúas cancións que á vez tamén son un referente na música rock. Unha delas é "You Really Got Me" de The Kinks en 1964.


A segunda delas é "I Can't Explain" de The Who, de 1965.


"I Can't Explain" tamén serviu para crear novas cancións como é o caso de "Walk Idiot Walk", tema dos sueco The Hives do álbum Tyrannosaurus Hives (2004).


Do mesmo xeito en que tamén inspirou cancións con estilos afastados do rock. "Going Out to My Head", tema de Fatboy Slim, do álbum de 1997 Better Living Throug Chemistry, que tamén contén un sample da canción de Led Zeppelin  "The Crunge".


Por certo, non nos esquecemos de "The Crunge", do disco Houses of the Holy (1973) para que vexades o parecido coa canción de Fatboy Slim.


martes, 11 de decembro de 2012

Go to the Mirror!

En plena expansión do rock a finais dos 60, as bandas máis innovadoras comezaron a xogar con xéneros tan clásicos como a ópera e así xurdiu un novo formato: a ópera rock, onde o son dos violíns e dos trombóns se trocaron polo das guitarras e dos baixos. The Who foron dos primeiros en explotar esta opción cun álbum conceptual titulado Tommy en 1969, que seguía os patróns da ópera: unha narración, pero esta vez contada en dezasete cancións, que se acabou traducindo en dúas versións sinfónicas en 1971 e1972; e nunha película en 1975. A experencia foi tan positiva para Pete Townshend que repetiu a idea en Quadrophenia, álbum de 1973. "Go to the Mirror!" é o corte 5.


Pois resulta que Tommy está máis de moda ca nunca, alomenos no panorama rock español. E é que hoxe ponse á venda o novo álbum de Barón Rojo, Tommy Barón, o tributo que a mítica banda de heavy metal lle fai ó álbum de The Who. Barón Rojo verteu tódalas cancións ó castelán cun resultado excelente como ben se pode apreciar no adianto "Hacia el Espejo".



xoves, 26 de xullo de 2012

Street Fighting Man

Van xa cincuenta anos dende que The Rolling Stones deron o seu primeiro concerto, pero o caso é que non parece que o tempo transcorrese tanto, pois a pesar de que hai xa sete anos que non publican un disco de estudio, Mick Jagger, Keith Richards, Charlie Watts e Ronnie Wood seguen de actualidade polo aniversario deste acontecemento á espera de que confirmen unha xira de celebración e a publicación dun novo álbum con temas inéditos. Mentres, lembramos unha das súas cancións máis importantes, "Street Fightning Man", do sétimo álbum da banda británica Beggars Banquet (1968).


Trátase dunha das cancións máis influentes de The Rolling Stones e non foron poucas as bandas que a gravaron nalgunha ocasión ou a tocaron nalgún directo, mais onde de verdade se nota a importancia que acadaran os Stones a finais dos anos 60 é que outra das grandísimas bandas dese momento, The Who, se inspirase na melodía de "Street Fighting Man" para crear unha das súas composicións máis celebradas "I'm Free", da ópera rock que Pete Townshend e compañía concebiron no seu cuarto disco Tommy en 1969, tan só un ano despois da publicación do tema de The Rolling Stones.

venres, 20 de abril de 2012

The Seeker

Non é unha novidade a influencia que tiveron The Who en cada banda británica de rock posterior ós anos 70. Calquera canción da banda de Pete Townshend, como outras tantas dos omnipresentes Beatles, pode rastrexarse no repertorio de moitos grupos. "The Seeker", single que lanzaron en 1970 nun dos seus mellores momentos e que recolleron un ano despois no álbum recompilatorio Meaty Beaty Big and Boucy pode confirmalo.


Nos primeiros traballos discográficos de calquera grupo ou artista é onde mellor se pode notar as influencias que reciben os seus músicos. Nesa procura dun estilo propio, unha banda nova vai perfilando o seu son a través dos artistas consagrados que admira. Oasis, uns habituais por estes lares, demóstrano no seu debut Definitely, Maybe onde a presenza latente do son de The Beatles e de The Who é máis clara que nos discos posteriores. Por exemplo, en "Columbia".



venres, 2 de marzo de 2012

Behind Blue Eyes

Ó carón dos Beatles e dos Rolling Stones, as bandas por excelencia que revolucionaron a música nos anos 60 e que lideraron a chegada do rock británico ós Estados Unidos, hai toda unha estela de grupos que contribuíron a engrandecer a música nesa década tan importante. Un deles é The Who, a banda de Peter Townshend, autores dunha das primeiras óperas rock da histora, Tommy. Xa na década dos 70, concretamente en 1971 publicaron Who's Next, quinto álbum de estudio que contiña esta fermosa balada.




http://www.goear.com/listen/e279790/behind-blue-eyes-the-who

Anos máis tarde, a banda procedente de Jacksonville Limp Bizkit gravou unha versión que deu a coñecer "Behind Blue Eyes" á xente máis nova. Estaba no álbum Results May Vary (2003).

Miniatura
 http://www.goear.com/listen/4134302/behind-blue-eyes-limp-bizkit-