Pete Townshend e os restantes membros de The Who estaban dispostos a que o nome da banda quedase gravado nos anais da historia da música e para iso puxeron en marcha un proxecto de ópera rock que ía establecer as bases do rock progresivo e unha nova dimensión para un xénero que xa non se vía coma un residuo subcultural. Cando Tommy (1969) empezou a tomar forma, The Who xa era unha das bandas máis respectadas no ámbito musical, con tres discos publicados que consagraran a The Who como unha das grandes da chamada Invasión Británica. E con todo, The Who preparou o seu cuarto disco como algo máis ca un simple álbum de rock. Calcando a estrutura da ópera, deu lugar ó concepto de ópera rock e Tommy é hoxe unha das obras máis celebradas do rock. Nas vinte e catro cancións que conforman o álbum hai algunha instrumental, coma "Sparks", que non desmerecen do resto.
Coma moitos temas de The Who, "Sparks" tamén soubo deixar a súa pegada noutras cancións coma a de Bad Company "Feel Like Makin' Love", pertencente ó álbum Straight Shooter (1975).
E se a canción de Bad Company débelle o seu son a "Sparks", a canción de The Presidents of United States of America "Peaches", do álbum epónimo de 1995, tómao de "Feel Like Makin' Love". Unha vez máis, o espíritu de The Who estaba presente nas novas xeracións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario