xoves, 3 de xullo de 2014

Uprising

Muse levantara moita expectación despois do éxito acadado con Black Holes and Revelations (2006) e a espera de novo material trala pílula do álbum en directo HAARP (2008) fíxose algo máis longa para os milleiros de fans que Muse ían sumando ano tras ano. Mais un ano despois, Muse anunciaba que xa terminaran o novo álbum, The Resistance (2009), un traballo cunha importante carga épica que se mostraba nos acordes sinfónicos cos que están construídas boa parte das cancións do disco e no título dalgunha delas coma "Resistance" e "Uprising". Precisamente esta última foi escollida como single oficial de presentación e ademais de ser unha excelente mostra da capacidade de Matt Bellamy para compór e producir, ofrece retazos das influencias que inspiraron a Bellamy, proceso que por outra parte é bastante habitual atopar nunhas cantas cancións da discografía de Muse. "Uprising" garda na súa estrutura o gusto de Matt Bellamy pola música de Blondie e polo de Black Sabbath, dúas correntes en principio moi diferentes que converxen indirectamente de forma maxistral na creación de "Uprising", sen que ningunha delas se utilizase explicitamente.


A crítica móstrase bastante unánime ó considerar que na elaboración de "Uprising" interveñen, por un lado a canción de Black Sabbath "Children on the Grave", e por outro "Call Me" de Blondie. A primeira pertence ó álbum Master of Reality (1971), o terceiro da banda de Ozzy Osbourne.


"Call Me" está incluída no álbum de Blondie American Gigoló (1980) e é unha das cancións máis aclamadas da banda de Debbie Harry, quen a escribiu xunto a Giorgio Moroder, produtor do disco. Algúns dos acordes de "Call Me" poden relacionarse mesmo coa canción de Black Sabbath.

Ningún comentario:

Publicar un comentario