martes, 15 de xullo de 2014

Strawberry Letter 23

Moita da música funk dos 70 asentou as bases dunha morea de cancións do mesmo estilo de décadas posteriores, posiblemente debido a unha carencia de creatividade e tamén talvez por un exceso de morriña daquela época. O caso é que grupos coma Kool & the Gang; Earth, Wind & Fire; Chic e tantos outros seguen fornecendo de ideas a novos artistas e grupos que recorren sistematicamente a estes clásicos. Mesmo algúns tan pouco recordados coma The Brothers Johnson volven á actualidade de vez en cando no momento en que algúns dos novos rescatan o principal éxito deste grupo californiano. The Brothers Johnson empezaron a súa andaina en 1976 auspiciados polo gran Quincy Jones, que se encargou da produción dos seus traballos. Precisamente no segundo álbum, Right on Time (1977) atópase a canción máis importante e a máis influente de The Brothers Johnson, "Strawberry Letter 23".


Sería demasiado longo ofrecervos agora tódalas cancións hip hop e de electrónica que dun xeito ou outro se serviron de "Strawberry Letter 23", así que só nos imos dedicar a unha pequena mostra das máis coñecidas e das máis interesantes. Por exemplo, a de Color Me Badd "I Wanna Sex You Up", pertencente ó álbum, C.M.B. (1992). A canción bota man dos recursos de moitas outras cancións, non só da de The Brothers Johnson, pero iso verémolo outro día.


Outra moi coñecida é o tema de OutKast "Ms. Jackson", que se atopa no álbum Stankonia (2001).


No seu disco de debut en solitario, Dangerously in Love (2003), Beyoncé tamén incluíu unha parte de "Strawberry Letter 23" nunha das súas cancións. Neste caso en "Be with You".


A guitarra de "Strawberry Letter 23" tamén aparece no tema dos franceses Justice "Canon", do EP On'n'On (2012).


Ningún comentario:

Publicar un comentario