mércores, 23 de xullo de 2014

Criss Cross

Non se sabe moi ben a razón, pero na música electrónica sempre funcionaron moi ben as formacións que só contan con dous membros. Shy Child non é unha excepción e dende comezos da década pasada este proxecto composto por Pete Cafarella e Nate Smith enche de bo electropop os discos que van publicando, malia que aínda non gozan de todo o recoñecemento que merecen, pero pouco a pouco cada vez son máis respectados nos círculos da música electrónica nos que se moven. Ata o momento levan editados un EP e catro discos de longa duración. O último deles, Liquid Love (2010), tivo como singles as cancións "Disconnected" e "Open Up the Sky", pero posiblemente a mellor canción do álbum sexa "Criss Cross", tamén a máis longa de todas, e que hoxe temos o gusto de presentarvos.


Cun son certamente moi semellante a "Criss Cross" atopamos no último disco de Kasabian 48:13 (2014) a canción "Explodes". A banda de Leicester, con Sergio Pizzorno á cabeza está colleitando críticas moi positivas con este novo traballo grazas a temas coma o single de lanzamento "Eez-ez", "Stevie" e mesmo "Explodes", o que ractifica a Kasabian como unha das grandes bandas do momento en Gran Bretaña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario