xoves, 31 de xullo de 2014

Heiter Bewegt

A música clásica está máis próxima da música de vangarda do que a xente cre. Ou polos menos hai unhas cantas décadas atrás era así e os clásicos, mesmo os clásicos contemporáneos, eran unha referencia incuestionable para os músicos que experimentaban cos sons que proporcionaba a electrónica. A música do compositor alemán Paul Hindemith (1895-1963) era aprezada polos seus paisanos de Kraftwerk, que lograrían certa inspiración nalgunha das súas obras. Concretamente "Heiter Bewegt", ou o que é o mesmo, "Sonata para Frauta e Piano", ía ser unha das favoritas, pois dun pequeno anaco da melodía da sección de apertura, Kraftwerk habería construír unha das súas mellores cancións, "Tour de France".


E é que o fervor que en Francia se sentía pola música de Kraftwerk viuse recompensado en forma de agradecemento cunha canción sobre o gran evento deportivo do país galo. "Tour de France", single de 1983, serviu para pórlle banda sonora á competición máis importante do ciclismo, á vez que establecía un vínculo interesante entre a música e o deporte, especialmente entre techno e ciclismo que haberían de seguir outros. Pensemos por exemplo no que pasou apenas uns anos despois en España, onde Azul y Negro lle puxo música á "Vuelta" con cancións cunha gran repercusión como "Me estoy volviendo loco", que aínda hoxe é a máis recordada. (Por certo, no novo disco de Vetusta Morla La Deriva (2014) hai unha canción titulada "Tour de Francia", pero non garda relación ningunha coa de Kraftwerk e a crítica subliña que é a máis frouxa do álbum).


Volvendo un momento á canción de Kraftwerk, hai que sinalar que "She's Madonna", a canción de Robbie Williams que aparece no álbum Rudebox (2006), escrita polo artista xunto con Neil Tennant e Chris Lowe, está baseada no son da dos alemáns. Pet Shop Boys xa colaboraran antes deste disco con Robbie Williams, xa que na canción "No Regrets" de I've Been Expecting You (1998) Tennant lle fixera os coros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario