martes, 8 de xullo de 2014

Fade to Grey

A New Wave empezou a coller forma nos derradeiros anos dos 70 cando varios grupos cederónlle o protagonismo na instrumentación da súa música ó sintetizador. En pouco tempo o novo estilo tomaba o testemuño que o funk e a música disco tivera uns anos antes e o son da  New Wave definía a música dos 80 dominándoa case na súa totalidade. Na fornada de grupos que constituíron a New Wave, e máis concretamente os Novos Románticos, cómpre non esquecer nomes coma os de Visage, que debutaron en 1980 cun álbum epónimo onde destaca "Fade to Grey", unha das cancións que marcaron a New Wave e das máis inesquecibles. Na súa composición interveu Midge Ure, o líder de Ultravox, outra das bandas máis importantes da Nova Onda.


Da repercusión que tivo "Fade to Grey" no seu momento dá fe a canción de U2 "New Year's Day", do álbum War (1983). O comezo está inspirado na canción de Visage, xa que Adam Clayton intentou reproducir o mesmo son do baixo, pero quitado ese detalle, non existe máis parentesco entre ambas cancións.


Cousa distinta é a canción "One Word" que aparece no segundo disco de Kelly Osbourne Sleeping in the Nothing (2005). Escrita e producida pola compositora de gran sona Linda Perry, que triunfara nos 90 con 4 Non Blondes, "One Word" semella estar baseada case de forma descarada na canción de Visage, o que lle valeu un toque de atención por parte de Midge Ure e Chris Payne, os autores de "Fade to Grey", que puxeron o asunto en mans dos tribunais. Claro que a polémica só beneficiou á filla de Ozzy Osbourne, que dese xeito tamén trataba de afastarse da fama de seu pai con Black Sabbath.


E baseada en "One Word", Tiziano Ferro ofrece no seu terceiro disco Nessuno è solo (2007) o tema "Stop! Dimentica", aínda que máis ben a canción que está detrás non deixa de ser "Fade to Grey".


E de "Fade to Grey" tamén se acordou Kylie Minogue para darlle base a canción "Like a Drug" do álbum X (2007) coa que a diva australiana reaparecía trala súa enfermidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario