Amosando publicacións coa etiqueta Gnarls Barkley. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Gnarls Barkley. Amosar todas as publicacións

venres, 17 de abril de 2015

You Only Twice

A banda sonora das películas de James Bond forma un dos capítulos máis destacados da historia da música contemporánea. John Barry, compositor e produtor das primeiras películas da serie, as que conseguiron que o axente 007 se convertese nun dos mito do cine comercial, dotou cada un dos temas dun son persoal que se fixo característico das historias do personaxe creado por Ian Fleming e que todos os que o relevaron tratan de manter para que a banda sonora se siga identificando con James Bond. Unha das creacións máis aplaudidas de Barry foi "You Only Live Twice" para a película do mesmo título de 1967. O tema central está interpretado por Nancy Sinatra.


Os acordes de "You Only Twice" son moi fáciles de identificar e inspiraron a outros artistas que os aproveitaron para os seus propios temas. O máis significativo é o de Robbie Williams, que homenaxeou a música de Barry con "Millennium", single de presentación de I've Been Expecting You (1998), aínda que máis ben case se pode dicir que é unha versión cunha letra diferente.


Co son algo máis disfrazado pero coa influencia inconfundible de Barry, Cee-Lo Green tamén recorre o son de James Bond en "Bright Light Bigger City", pertencente a The Lady Killer (2010).

mércores, 10 de setembro de 2014

The High Road

Gnarls Barkley arrasou no verán de 2006 con "Crazy", unha canción que nos serviu para coñecer os dous músicos que formaran este proxecto, Cee-Lo Green e Danger Mouse. Dous anos despois publicaron un novo álbum, pero o número de vendas non se achegou nin moito menos ó que conseguiran co debut, xa que a pesar das boas cancións que contiña, ningunha se podería considerar un trallazo como o que supuxo "Crazy". Pouco despois, o dúo puña o punto final a Gnarls Barkley e cada un tomou o seu camiño. Sen tempo para darlle voltas a ese fracaso, Danger Mouse puña en marcha en 2009 un novo proxecto xunto co vocalista de The Shins, James Mercer, con nome de Broken Bells. Ese mesmo ano debutaban cun álbum epónimo que sorprendía á crítica pola alta calidade das composicións e a produción exquisita de Danger Mouse. O primeiro single, "The High Road", resultou ser unha agradable carta de presentación.


En 2012, Joss Stone publicou o álbum de versións The Soul Sessions Vol. 2, segunda parte do disco co que debutara en 2003 no que a artista británica interpreta algunhas cancións soul. Pero o mérito de Joss Stone con este tipo de discos é que consegue versionar en clave soul outras composicións alleas a este xénero sen que desentonen na nova versión. Así de ben lle quedou "The High Road".

mércores, 12 de febreiro de 2014

Restless Heart Syndrome

É certo que cando Green Day editou 21st Century Breakdown (2009) a banda de Billie Joe Armstrong decidira continuar polo mesmo camiño que emprenderan co anterior disco American Idiot (2004). Con aquel álbum e collendo como referentes a The Who, Green Day ofrecía ó gran público unha especie de ópera rock que os afastaba notablemente do seu son primixenio e lles imprimía un son máis maduro, aínda que logo o resultado resultase algo fallido. Mais Billie Joe e os seus compañeiros Mike Dirnt e Tré Cool quedaron satisfeitos e sabían que o seguinte traballo tiña que seguir a mesma liña. Para iso encargáronse eles mesmos da produción e contrataron para que os axudase neses labores un peso pesado como Butch Vig. Se ben 21st Century Breakdown non é unha obra sublime, supera con creces ó seu predecesor, con cancións que por momentos lembran a Oasis, a The Electric Light Orchestra (ese "21 Guns" que xa apareceu por aquí), etc. Como non podía ser doutra maneira, o salto cualitativo que se producira no novo disco non se viu acompañado dun maior incremento nas vendas, xa que moitos fans non entenderon o xiro que estaba dando o grupo. "Restless Heart Syndrome" é a mellor canción do oitavo disco de Green Day.

http://youtu.be/fm5uY5hSA-8

E agora fixádevos na seguinte canción, a ver se non ten unha leve semellanza coa anterior de Green Day. Trátase de "The Angel and The Fool", unha das cancións pertencentes ó último disco de Broken Bells After the Disco, publicado o pasado mes de xaneiro, e que ten toda a pinta de ser un dos álbums do ano. E é que o proxecto do produtor Danger Mouse, que hai anos montara Gnarls Barkley xunto con Cee-Lo Green, e James Mercer, líder de The Shins, é unha das sorpresas máis agradables dos últimos anos, como así demostraron co seu debut hai catro anos. De momento só dispomos dun anaquiño de "The Angel and The Fool", pero o suficientemente significativo.

http://youtu.be/7l_TJ0us3VA

martes, 19 de xuño de 2012

Nel Cimitero di Tucson

Gian Piero Reverberi é un dos compositores italianos que pasou boa parte da súa vida traballando nas bandas sonoras das películas de serie B que se rodaban con produción italiana. "Nel Cimitero di Tucson" de 1968, aparece na banda sonora de Preparati La Bara!, protagonizada por Terence Hill.


O sample desta canción empregouno Gnarls Barkley, o dúo composto por Cee-Lo Green e o produtor Danger Mouse, para o seu trallazo "Crazy", do seu debut St. Elsewhere (2006) que lanzou a Gnarls Barkley ó estrelato da fama. Desafortunadamente, o éxito foi tal que o seu seguinte traballo discográfico, tamén dunha enorme calidade grazas sobre todo ó traballo na produción de Danger Mouse, non tivo a repercusión que merecía.