mércores, 10 de setembro de 2014

The High Road

Gnarls Barkley arrasou no verán de 2006 con "Crazy", unha canción que nos serviu para coñecer os dous músicos que formaran este proxecto, Cee-Lo Green e Danger Mouse. Dous anos despois publicaron un novo álbum, pero o número de vendas non se achegou nin moito menos ó que conseguiran co debut, xa que a pesar das boas cancións que contiña, ningunha se podería considerar un trallazo como o que supuxo "Crazy". Pouco despois, o dúo puña o punto final a Gnarls Barkley e cada un tomou o seu camiño. Sen tempo para darlle voltas a ese fracaso, Danger Mouse puña en marcha en 2009 un novo proxecto xunto co vocalista de The Shins, James Mercer, con nome de Broken Bells. Ese mesmo ano debutaban cun álbum epónimo que sorprendía á crítica pola alta calidade das composicións e a produción exquisita de Danger Mouse. O primeiro single, "The High Road", resultou ser unha agradable carta de presentación.


En 2012, Joss Stone publicou o álbum de versións The Soul Sessions Vol. 2, segunda parte do disco co que debutara en 2003 no que a artista británica interpreta algunhas cancións soul. Pero o mérito de Joss Stone con este tipo de discos é que consegue versionar en clave soul outras composicións alleas a este xénero sen que desentonen na nova versión. Así de ben lle quedou "The High Road".

Ningún comentario:

Publicar un comentario