Non é habitual que a música creada expresamente para unha película ou para unha serie de televisión teña unha gran transcendencia, non digamos cando nin sequera se trata do tema principal. No caso das series é aínda máis raro que calquera se fixe na música pertencente a un só capítulo. Non obstante, esta circunstancia tense producido algunha vez, como ben sabe Chris Beck, un músico especializado en compór bandas sonoras para cine e televisión. No currículum de Beck destaca o seu traballo en Buffy, the Vampire Slayer (Buffy Cazavampiros), unha serie que a pesar de estar destinada ó público adolescente, non cae nos tópicos que abondan neste tipo de produtos. De feito, esta serie de Joss Whedon ten unha factura impecable a tódolos niveis e desde logo, a banda sonora non é unha excepción. Para un dos capítulos da segunda tempada, o titulado "Passion", un dos máis emotivos, Chris Beck compuxo o tema instrumental "Remembering Jenny", sobre o personaxe no que se centra o episodio.
No novo álbum de Ed Sheeran, X (2014), atópase unha fermosa canción, "Afire Love", cun son que remite ó de Chris Beck en "Remembering Jenny". Ben é verdade que a peza de Beck ten un ritmo máis lento, pero en "Afire Love" é doado identificar os elementos que están sacados de "Remembering Jenny".
Ningún comentario:
Publicar un comentario