xoves, 18 de setembro de 2014

My Girl

A comezos dos anos 60 o imperio da Motown comezou a estenderse con grupos da talla de The Supremes e de The Temptations. Estes últimos haberían de chegar por primeira vez ó primeiro posto da lista estadounidense con "My Girl", canción escrita curiosamente por Smokey Robinson e Ronald White, membros de The Miracles, outro dos grupos en nómina da Motown, que xa entón tiña unha carreira consolidada. En 1964, The Temptations derónse a coñecer con Meet the Temptations, unha primeira toma de contacto, pero ningún dos singles extraídos se chegou a meter nos dez primeiros postos das listas. Con todo, a aposta por The Temptations era forte e ese mesmo ano xa estaban no estudio de gravación preparando o segundo traballo, outra vez con Smokey Robinson de produtor, que tamén lles escolleu unha selección de cancións propias. De feito, o título do disco foi The Temptations Sing Smokey (1965), polo que xa se podía imaxinar quen era o protagonista absoluto. O primeiro single foi precisamente "My Girl", que apareceu en decembro de 1964 como anticipo do disco.


Hai infinidade de versións de "My Girl" e moitas certamente moi, moi boas. Quizais das máis sorprendentes sexa a que os propios The Temptations fixeron en italiano co título "Solamente lei" en 1967: http://youtu.be/916OTkOaPnk

No álbum tributo á Motown Stop! In the Name of Love! (1995), La Toya Jackson encárgase de versionar o tema de Temptations, pero cunha lixeira variación na letra, na que a canción pasa a ser "My Guy".


Tamén destaca a de The Jesus and Mary Chain no compilatorio The Complete John Peel Sessions (2000).


E Raheem DeVaughn aproveita o retrouso de "My Girl" na canción "Friday (Shut the Club Down)", no álbum Love Behind the Melody (2008).

Ningún comentario:

Publicar un comentario