luns, 22 de setembro de 2014

Sweet Disposition

Nos últimos anos chégannos desde Australia unha fornada de novas bandas con propostas que non pasan desapercibidas ós oídos. A finais de 2008  a crítica especializada comezaba a falar de Temper Trap, unha banda de Melbourne que acababa de editar o single de anticipo do seu primeiro álbum de longa duración, que finalmente se publicaría medio ano máis tarde. Ese single que tanto cativou á crítica foi "Sweet Disposition", cousa que non é de estrañar, pois o son envolvente da canción amosa a unha banda que sabe coidar as composicións que elabora e coa sensibilidade necesaria para que a obra dun artista perviva. Por outra parte, "Sweet Disposition" supuxo que a publicación de Conditions (2009) fose un acontecemento agardado, xa que os singles que sucederon a "Sweet Disposition" non defraudaron, e de foito, foron moitas as publicacións musicais que situaron ó álbum como un dos mellores dese ano.


É máis que posible que a seguinte canción nin sequera estea influenciada por "Sweet Disposition", pero desde logo o que está claro é que o comezo de "I'm Not Your Hero", unha das cancións do álbum de Tegan and Sara Heartthrob (2013), ten ecos que evocan ó tema de Temper Trap como ben apuntaron algúns críticos, aínda que por suposto, o desenvolvemento posterior de "I'm Not Your Hero" non se pareza en nada máis a "Sweet Disposition".

Ningún comentario:

Publicar un comentario