Entre finais dos 70 e comezos dos 80 a New Wave ía ser o estilo predominante na música. En apenas cinco anos xurdiron unha morea de bandas cunha nova mentalidade na procura dun novo son, que a crítica bautizou axeitadamente como "nova onda". Nesa voráxine de novas formacións aparece no Reino Unido, Tears for Fears, proxecto comandado por Roland Orzabal e Curt Smith en 1981. Dous anos despois debutaban con The Hurting (1983), primeiro álbum con dez cancións moi boas no que destacan os singles que se seleccionaron, case ano e medio antes da publicación do álbum. Unha delas é "Change", das máis aclamadas de Tears for Fears e que no seu momento se escolleu como cuarto single, cando ó álbum lle quedaban dous meses para que aparecese no mercado, pero xa estaba suficiente rodado con trallazos coma "Suffer the Children" e sobre todo, "Mad World". E aínda así "Change" foi das que máis alto quedou nas listas de singles.
O son de "Change" non pasou inadvertido para produtores de música dance e hip hop, que o incorporaron a outras cancións, que nin de lonxe lle fan sombra á orixinal. No debut de Culture Beat, Horizon (1991), "No Deeper Meaning" contén un sample bastante evidente, tanto que parece unha versión coa letra cambiada.
No ámbito do hip hop, os californianos Jurassic 5 trasladaron "Change" a "Sum of Us", no álbum Power in Numbers (2002).
Lexy & K-Paul tamén incluíron "Change" no seu tema "Trick on Me", no álbum Abrakadabra (2009) estragando completamente o tema de Tears for Fears.
Ningún comentario:
Publicar un comentario