xoves, 25 de setembro de 2014

Green Onions

Booker T. & the M.G.'s. foi unha das bandas de cabeceira da discográfica Stax, unha das máis importantes dos anos 60 sobre música soul, pero tamén adoitaba apostar por outros xéneros musicais que combinaban blues, rock e soul. A banda formada por Booker T. Jones, Steve Cropper, Al Jackson Jr. e Lewi Steinberg reunía todas esa calidades e certificárono no seu álbum de debut Green Onions (1963) onde posiblemente a canción máis destacada sexa precisamente á que lle dá título ó álbum. "Green Onions" é un tema instrumental que arrasou tanto pola melodía como polos arranxos da guitarra de Crooper deixando unha fonda pegada noutros músicos.


Ó amparo do éxito que colleitou "Green Onions", Booker T. & the M.G.'s gravaron  unha segunda parte á que titularon "Mo Onions" e que foi single en 1964.  http://youtu.be/ZxEmgFpkR3g

O certo é que a rápida sona de "Green Onions" nos circuitos de blues fixo que moitos reproducisen algúns patróns para novos temas, coma o caso de John Lee Hooker con "Onions", no álbum The Big Soul of John Lee Hooker (1963).


Dese mesmo ano é tamén o single de Sonny Boy Williams, "Help Me", que tamén adopta a mesma estrutura de "Green Onions".


As bandas emerxentes do momento tamén viraron os ollos e os oídos cara o éxito de Booker T. & the M.G.'s. The Rolling Stones imitárono en "Stoned", single que tamén apareceu en 1963.


Os Beatles non foron menos e compuxeron o tema instrumental "12-Bar Original", que gravaron en 1965. Non obstante non se publicou ata 1996 incluído no recompilatorio Anthology 2.


E en clave funk, a canción de Stevie Wonder "Higher Ground" recolle algúns dos elementos de "Green Onions". Atópase no álbum Innervisions (1973).

Ningún comentario:

Publicar un comentario