Amosando publicacións coa etiqueta Tom Petty. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tom Petty. Amosar todas as publicacións

mércores, 10 de xuño de 2015

Free Fallin'

Tom Petty acadara un alto grao de recoñecemento coa súa banda The Heartbreakers, pero sería ó editar o primeiro álbum en solitario cando realmente o gran público se achegou o traballo deste rockeiro, que desde comezos dos setenta levaba facendo música. Full Moon Fever (1989), álbum co que se iniciaba coma solista, ábrese con "Free Fallin'", tema que xa se pode considerar imperecedeiro e co que Petty ía conquistar a todos. Escrito xunto con Jeff Lynne, "Free Fallin'" foi o segundo single do disco e o que máis éxito obtivo nas listas, ata o punto de converterse nunha das cancións dese ano.


"Free Fallin'" é un dos temas máis versionados de Tom Petty e tamén un dos favoritos polos artistas de hip hop. Posiblemente, o tema "Fallin'", que interpretaron conxuntamente De La Soul e Teenage Fun Club para a película Judgement Night (1993) sexa o máis interesante dos que se fixeron baseados na canción de Petty.

xoves, 28 de agosto de 2014

L.I.F.E.G.O.E.S.O.N.

Noah and the Whale, a banda inglesa de folk rock comandada por Charilie Fink, vai gañándose devagar a unha morea de fans con cada álbum que sacan e para a crítica é un dos grupos máis interesantes que apareceron nos últimos anos. As boas sensacións que causaron coa publicación dos seus primeiros discos non quedaron atrás cando por fin editaron Last Night on Earth (2011). Como single de lanzamento, escolleuse "L.I.F.E.G.O.E.S.O.N.", terceiro corte do álbum, que é unha pequena marabilla folk. Non obstante, algúns críticos sinalan que nesta canción apréciase con excesiva claridade a influencia de dous referentes para Charlie Fink; The Kinks e Tom Petty. A pegada da súa musica transcorre de forma natural polo tema de Noah and the Whale coma parte da paisaxe que debuxan nas notas, pero para os máis avispados esa pegada leva os nomes respectivos das cancións de Petty e de The Kinks que están detrás da composición de Fink, aínda que habería que precisar que, coma opinión duns cantos, non deixa de ser subxectiva.


De Tom Petty and the Heartbreakers, a canción de Noah and the Whale parece tomar algún parecido con "Don't Come Around Here No More", tema escrito xunto con Dave Stewart de Eurythmics, incluído en Southern Accents (1985). O videoclip é unha xenial recreación de Alicia no País das Marabillas, onde Petty se disfraza do personaxe do Sombreireiro Tolo.


"Lola" é unha das grandes cancións de The Kinks, pertencente a Lola Versus Powerman and the Moneygoround, Part One (1970). Co famoso tema sobre un travesti, a banda de Ray Davies deixaba claro que na nova década ían seguir dando guerra.


E non nos resistimos á versión en castelán de "Lola" que M-Clan fixo no disco Sopa Fría (2004), respectando á letra orixinal.

luns, 21 de xullo de 2014

I Won't Back Down

Sen acabar de separarse de todo da súa banda de toda a vida, The Heartbreakers, Tom Petty comezou a editar discos só co seu nome en 1989. O primeiro disco supostamente en solitario de Petty leva o nome de Full Moon Fever (1989) e dicimos supostamente en solitario porque en realidade nel participaron algúns membros de The Heartbreakers coma Mike Campbell, Howie Epstein e Benmont Tench, que non dubidaron en axudar a Petty na súa andaina senlleira. Por outra parte, ademais dos seus compañeiros, Tom Petty tamén contou coa colaboración dalgúns amigos, entre os cales se atopan George Harrison e Jeff Lynne. Concretamente con este último, Tom Petty compuxo "I Won't Back Down", unha das mellores cancións do álbum e na que Harrison toca a guitarra acústica.


Tamén é unha das mellores cancións do álbum de debut de The XX "Islands", pertencente a XX (2009). "Islands" basea o seu son no tema de Tom Petty, pero lonxe de quitarlle calidade á canción, dálle un plus que serviu a The XX para ser unha das bandas revelación do ano.

http://youtu.be/PElhV8z7I60

A finais do ano 2014 "I Won't Back Down" volveu á actualidade por un novo suposto caso de plaxio. Sam Smith, unha das revelacións do ano, contén na súa ópera prima In the Lonely Hour (2014) a canción "Stay with Me", que lle darían un maior éxito. Evidentemente, as similitudes coa canción de Tom Petty non pasan desapercibidas.

http://youtu.be/pB-5XG-DbAA

venres, 4 de maio de 2012

Mary Jane's Last Dance

Tom Petty e a súa banda The Heartbreakers acababan de conseguir un éxito inusitado con "Free Fallin'" e de editar un novo disco en 1991 sen tanta sona cando en 1993 decidiron publicar un álbum de grandes éxitos  producido entre outros por Rick Rubin e Dave Stewart. Este recompilatorio contén unha canción inédita: "Mary Jane's Last Dance".


Se en 2001 Tom Petty tivo a ocasión de comprobar que The Strokes se inspiraban demasiado nun dos seus temas para o seu debut, cinco anos despois volveu experimentar algo semellante cos acordes de "Dani California", o single de presentacion de Stadium Arcadium (2006), noveno traballo discográfico de Red Hot Chili Peppers. O parecido pode deberse a que ámbalas dúas cancións comparten produtor, Rick Rubin.

martes, 10 de abril de 2012

American Girl

En 1976 Tom Petty, un cantante de rock de Florida, formou unha banda coa que coñecería os meles do éxito, Tom Petty and The Heartbreakers. Ó ano seguinte, a formación facía o seu debut cun disco homónimo onde xa se podía apreciar o potencial de Tom Petty. Nel inclúese a canción "American Girl", segundo single extraído tras "Breakdown". En 1989, Tom Petty debutaba en solitario e deixaba para a memoria colectiva "Free Fallin", que chegou a eclipsar mesmo toda a traxectoria anterior de Petty. No entanto, na primeira década deste século  "American Girl" ía saltar de novo ós ollos do panorama musical...


En 2001 debutaba na escena musical unha banda de rock alternativo procedente de Nova York na que algúns componentes tiñan que cargar co sambenito de ser fillos de algún famoso. The Strokes está liderada por Julian Casablancas e un dos guitarristas é Albert Hammond Jr., fillo do lendario compositor dos anos 60 e 70. Pero á marxe de todo isto, o primeiro álbum de The Strokes, Is This It? foi saludado pola crítica como un dos mellores debuts de 2001 e confiaban na prometedora carreira que tiñan por diante e que os podería levar a ser unha das mellores bandas da década. O single que os lanzou á fama "Last Nite" así o parecía confirmar. Mais a Tom Petty os acordes éranlle algo familiares.