Amosando publicacións coa etiqueta Otis Redding. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Otis Redding. Amosar todas as publicacións

martes, 16 de febreiro de 2016

(Sittin' On) The Dock of the Bay

En decembro de 1967, un fatal accidente de aviación arrebatábanos a Otis Redding. O digno sucesor do malogrado Sam Cooke tamén nos deixaba prematuramente ficando un fondo baleiro no mundo da música. Apenas uns días antes da traxedia Otis Redding remataba de gravar o que sería o seu álbum póstumo, The Dock of the Bay (1968), que vería a luz en febreiro de 1968. Das once cancións que compoñen o disco, destaca especialmente a que lle dá título, "(Sittin' On) The Dock of the Bay", que Redding escribiu xunto con Steve Cropper, membro de Booker T. & the M.G.'s, a banda de acompañamento de Redding no selo Stax.
"(Sittin' On) The Dock of the Bay" converteuse en todo un himno do soul, sobre todo polo parte asubiada do final e no gran legado de Redding.


Non caberían nunha soa entrada todas as excelentes versións que se fixeron de "(Sitting On) The Dock of the Bay", así que seleccionamos dúas ó azar, que nin moito menos, deben ser consideradas as mellores, posto que iso é algo subxectivo. Pero desde logo non hai que negar que a que Marc Bolan (outro malogrado artista) e Gloria Jones realizaron é moi boa.


Outra é a adaptación que Manolo Tena fixo ó castelán co título "Sentado en el muelle", no álbum Fuego en la piel (2000).

martes, 5 de xaneiro de 2016

Respect

Acompañado da banda de Steve Cropper, Booker T. & the M.G's e coa produción de Isaac Hayes, entre outros, Otis Redding presentaba Otis Blue/Otis Redding Sings Soul (1965), o seu aclamado terceiro traballo, onde xunto con versións de grandes músicos do soul, Redding firmaba varios temas propios, que axiña se converteron en clásicos como os que el mesmo interpretaba nese álbum doutros artistas. Unha desas cancións é "Respect", que logo moitos colectivos o adoptarían como un himno para as súas reivindicacións, sobre todo, trala versión de Aretha Franklin, quen popularizou se cabe aínda máis a composición de Otis Redding.


E é que a raíña do soul realizou unha versión formidable da canción de Otis Redding no álbum I Need Loved a Man the Way I Love You (1967). A versión de "Respect", ademais de ser a canción coa que se abre o disco, foi o primeiro single, disparando a sona de Aretha Franklin como unha das mellores voces femininas do soul.


Sempre se dixo que os  Beatles, grandes admiradores dos músicos de soul americanos, se inspiraron moitas veces nas súas cancións para compoñer algúns dos seus éxitos. Os primeirísimos acordes de "Drive My Car", unha das cancións de Rubber Soul (1965), remiten claramente a "Respect", aínda que logo o resto da canción non teña nada que ver nin na forma nin no fondo co clásico de Otis Redding.



venres, 13 de febreiro de 2015

Cupid

Sam Cooke tivo unha prolífica carreira, que seguramente nos proporcionaría moitas outras grandes cancións se non perdese a vida tan novo. Malia editar os seus primeiros singles en 1957, cinco anos despois ía xa polo terceiro compilatorio que recollía boa parte do material publicado ata daquela. En The Best of Sam Cooke (1962), ademais dos grandes éxitos, Cooke incluíu algún tema inédito que lle serviu para promocionar o disco e facer de gancho para os fans. Desde logo non se trata de ningunha canción menor, pois "Cupid" é unha das máis recordadas se temos en conta as numerosas versións que fixeron desde a súa publicación. Así que a continuación tendes unha pequena mostra dalgunhas das versións máis coñecidas de "Cupid". A ver cal é a vosa favorita.


No álbum tributo que se lle fixo a Sam Cooke We Remember Sam Cooke (1965) The Supremes interpretaron "Cupid" e que supón unha das primeiras versións.


Como gran coñecedor da obra de Cooke, que cantou numerosas veces, Otis Redding tamén gravou "Cupid", difirindo lixeiramente a súa versión das anteriores.


A pesar de que non foi a primeira que a gravou en clave reggae, Amy Winehouse fixo unha das mellores versións dos últimos anos. A dela é de 2007 e pertence a unha edición especial de Back to Black.


"Cupid" tamén serviu para adornar e darlle lustre á canción de Carly Rae Japsen "Tiny Little Bows", que abre o segundo álbum desta moza, Kiss (2012), e co que tanta sona acadou.

martes, 11 de novembro de 2014

(I Can't Get No) Satisfaction

Segundo as estatísticas, a meirande parte dos fans e da crítica especializada coincide en que "(I Can't Get No) Satisfaction" é a mellor canción de The Rolling Stones, unha conclusión comprensible, pero tamén difícil dado a cantidade de temas fabulosos que Mick Jagger e Keith Richards teñen composto desde que puxeron en funcionamento a banda. O que xa non todo o mundo sabe é que cando os Stones a incluíron na edición americana de Out of Our Heads (1965), para os seus creadores era un tema menor, máis de recheo que outra cousa, por moi polémica que puidese ser a letra. En definitiva, nin de lonxe poderían imaxinar que sería a canción por excelencia da extensa discografía dos Rolling Stones. Pénsese por un intre que nin sequera consideraron necesaria que aparecese na edición británica. Pero esa percepción negativa de "(I Can't Get No) Satisfaction" ía cambiar moi pronto.


Pouco despois da publicación en Estados Unidos da canción dos Stones, Otis Redding entraba nos estudios da Stax en Memphis para preparar o seu terceiro disco Otis Blue, que se publicaría en setembro de 1965. No novo álbum, Redding versionaba cancións doutros artistas de soul coma o seu admirado Sam Cook, Salomon Burke e Smokey Robinson, ademais de incluír cancións propias. Pero tamén hai versións dun temas blues de B.B. King, e máis sorprendente aínda, a versión en clave soul de "Satisfaction", duns Stones que trala invasión británica do ano anterior, aínda estaban empezando a ser coñecidos por aquelas terras. Pois ben, cando escoitaron a versión de Redding, Mick Jagger e compañía xa miraron con outros ollos a "(I Can't Get No) Satisfaction".

http://youtu.be/CpmZWUPrCgo

O caso é que non só a Otis Redding a canción dos Stones non lle parecía mala. A influencia de "(I Can't Get No) Satisfaction" pode rastrexarse mesmo na de Buffalo Springfield "Mr. Soul", que abría o segundo álbum da banda de Neil Young, Buffalo Springfield Again (1967).

http://youtu.be/HSqJf6JbpPA

É certo que das versións posteriores que se fixeron desta canción dos Rolling Stones, ningunha é tan espectacular coma a de Otis Redding, pero non pasa desapercibida a de Devo, imprimíndolle un toque new wave que situaban a "Satisfaction" como unha canción acorde no son de finais dos setenta. Aparece no álbum de debut de Devo Q: Are We Not Men? We Are Devo! (1978).

venres, 26 de setembro de 2014

Tramp

A mestura de blues e soul produciu excelentes cancións durante os anos 60. Se onte lle prestabamos atención a "Green Onions", que abriu unha senda para esta mestizaxe de xéneros en 1966, hoxe imos con outra gran canción que seguiu a estela do tema de Booker T. & the M.G.'s con resultado parecido. Trátase de "Tramp", unha canción incluída nun álbum ó que lle daba nome e que supuxo un novo éxito para Lowell Fulson, un músico de blues que xa acadara prestixio con temas coma "Three O'clock Blues" e "Blue Shadows", entre outros, uns anos antes. Lowell Fulson seguiu gravando discos ata uns anos antes do seu falecemento en 1999, pero "Tramp" foi o seu derradeiro trallazo. Ningunha das cancións posteriores logrou achegarse á sona que adquirira.


"Tramp" non tardou en ser versionada e un ano despois saía de novo como single nas voces de Otis Redding e Carla Thomas, que xa estaban habituados a cantar como dúo, o que disparou a popularidade de "Tramp".


Á parte das versións, "Tramp" tamén propiciou novas cancións, entre elas, "7", unha canción de Prince no álbum Love Symbol Album (1992).

luns, 18 de agosto de 2014

I Can't Turn You Loose

Seguindo a estela do seu admirado Sam Cooke, Otis Redding estaba chamado a ser o seu sucesor. A súa voz privilexiada e a calidade dos seus traballos non tardaron en situalo como un dos grandes cantantes dos anos 60. A súa produción fíxose tan abundante que ademais dos distintos álbums que ía editando, Redding engadíalle singles soltos que logo ó final non aparecían ningún nos discos de longa duración do artista, pero que triunfaban de igual xeito nas listas de vendas. En 1965, como anticipo de The Soul Album editouse o single "Just One More Day" e na cara B contén un tema que despois non figuraría no disco. Trátase de "I Can't Turn You Loose", unha canción das máis movidas de Redding, que lograría superar en popularidade á da cara B, como tantas veces adoita acontecer.


Inspirándose en "I Can't Turn You Loose", Booker T. and the MG's, a banda de Steve Crooper, editou  en 1969 "Time is Tight", un tema instrumental que a dicir verdade, non deixa de ser unha versión da de Otis Redding. En descargo da banda hai que dicir que moitos dos seus músicos traballaron con Redding na gravación dos seus discos, polo que non hai que estrañarse de que algo se lles quedase del.

martes, 6 de novembro de 2012

Hard to Handle

O soul viviu unha época de esplendor durante a década dos 60 e unha das voces privilexiadas que ensalzou este estilo orixinario dos Estados Unidos foi Otis Redding. O malogrado cantante nacido en Dawson, no estado de Xeorxia, converteuse nunha lenda grazas a cancións como "Hard to Handle", un éxito póstumo publicado no verán de 1968, seis meses despois de que Redding perdese a vida; unha nova traxedia para o soul que se sumaba á perda de Sam Cooke uns anos antes.


Das numerosísimas versións de "Hard to Handle", os críticos musicais destacan a que fixo The Black Crowes no álbum Shake Your Money Maker (1990), o álbum de debut da banda dos irmáns Robinson, que acertan de cheo ó imprimirlle a "Hard to Handle" un toque rockeiro sen renunciar ó aire blues que emana a versión orixinal.