martes, 11 de novembro de 2014

(I Can't Get No) Satisfaction

Segundo as estatísticas, a meirande parte dos fans e da crítica especializada coincide en que "(I Can't Get No) Satisfaction" é a mellor canción de The Rolling Stones, unha conclusión comprensible, pero tamén difícil dado a cantidade de temas fabulosos que Mick Jagger e Keith Richards teñen composto desde que puxeron en funcionamento a banda. O que xa non todo o mundo sabe é que cando os Stones a incluíron na edición americana de Out of Our Heads (1965), para os seus creadores era un tema menor, máis de recheo que outra cousa, por moi polémica que puidese ser a letra. En definitiva, nin de lonxe poderían imaxinar que sería a canción por excelencia da extensa discografía dos Rolling Stones. Pénsese por un intre que nin sequera consideraron necesaria que aparecese na edición británica. Pero esa percepción negativa de "(I Can't Get No) Satisfaction" ía cambiar moi pronto.


Pouco despois da publicación en Estados Unidos da canción dos Stones, Otis Redding entraba nos estudios da Stax en Memphis para preparar o seu terceiro disco Otis Blue, que se publicaría en setembro de 1965. No novo álbum, Redding versionaba cancións doutros artistas de soul coma o seu admirado Sam Cook, Salomon Burke e Smokey Robinson, ademais de incluír cancións propias. Pero tamén hai versións dun temas blues de B.B. King, e máis sorprendente aínda, a versión en clave soul de "Satisfaction", duns Stones que trala invasión británica do ano anterior, aínda estaban empezando a ser coñecidos por aquelas terras. Pois ben, cando escoitaron a versión de Redding, Mick Jagger e compañía xa miraron con outros ollos a "(I Can't Get No) Satisfaction".

http://youtu.be/CpmZWUPrCgo

O caso é que non só a Otis Redding a canción dos Stones non lle parecía mala. A influencia de "(I Can't Get No) Satisfaction" pode rastrexarse mesmo na de Buffalo Springfield "Mr. Soul", que abría o segundo álbum da banda de Neil Young, Buffalo Springfield Again (1967).

http://youtu.be/HSqJf6JbpPA

É certo que das versións posteriores que se fixeron desta canción dos Rolling Stones, ningunha é tan espectacular coma a de Otis Redding, pero non pasa desapercibida a de Devo, imprimíndolle un toque new wave que situaban a "Satisfaction" como unha canción acorde no son de finais dos setenta. Aparece no álbum de debut de Devo Q: Are We Not Men? We Are Devo! (1978).

Ningún comentario:

Publicar un comentario