mércores, 5 de novembro de 2014

Right to Be Wrong

Joss Stone comezou no mundo da música debutando cun álbum de versións de temas soul titulado The Soul Sessions (2003) no que, ante todo, se presentaba disposta a reivindicar un xénero que nos albores da década dos 2000 estaba relegado. É a mesma fórmula coa que antes outros artistas iniciaban a súa andaina, un primeiro álbum con cancións versionadas para tomarlle pulso ó panorama musical e calibrar as posibilidades de éxito. Posto que con The Soul Sessions foille ben, ó ano seguinte aparecía Mind, Body and Soul (2004) onde Joss Stone estreaba as súas propias cancións e demostraba tamén que podía ser unha compositora prolífica, pois dos quince temas que compoñen o disco, participou na elaboración de todos agás de un. A cifra de vendas de Mind, Body and Soul foi aínda maior có de The Soul Sessions, polo que o público aplaudía a aparición dunha nova voz que renovaba o soul. Grazas a cancións coma "You Had Me" e "Right to Be Wrong", que hoxe vos presentamos, Joss Stone revelouse coma unha das cantantes inglesas, xunto con Amy Winehouse, que devolvían o soul a un lugar privilexiado na música do novo século.


Malia que non son moi frecuentes as versións das cancións de Joss Stone, pode presumir da que Alejandra Guzmán fixo de "Right to Be Wrong". A rockeira mexicana, filla de Enrique Guzmán, que seguiu perfeccionando o rock latino igual que o pai, pero nunha vertente feminina, sorprendía en Lipstick (2004) cunha versión en castelán que reproducía fielmente a letra orixinal. Co título "Tengo derecho a estar mal", chegou a coñecerse varios meses antes que a orixinal de Joss Stone, xa que o álbum de Alejandra Guzmán publicouse en marzo, mentres que o de Joss Stone non saíu ata o mes de setembro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario