mércores, 12 de novembro de 2014

See You

Non ben acababan de publicar o primeiro álbum Speak & Spell (1981) cando Depeche Mode viu perigar a súa continuidade como banda; Vince Clarke, que se encargara da práctica totalidade da composición do disco abandonaba o grupo para montar o seu propio proxecto xunto con Alice Moyet, Yazoo. Con ese panorama, Martin Gore, que só participara na elaboración dunha canción de Speak & Spell, asumiu o mando e el mesmo se encargou de preparar tódalas cancións do novo álbum, A Broken Frame (1982), que grazas ó talento e a inspiración de Gore publicouse un ano despois do debut, sen maior contratempo. Lonxe de acusar a baixa de Clarke, Depeche Mode saíu reforzado e ó igual que o seu ex colega, a banda de Martin Gore, Dave Gahan e Andy Fletcher converteuse na gran referencia do synthpop para centos de grupos no mundo que intentaron imitar o seu son. "See You" foi o single que presentaba o segundo disco de Depeche Mode.


En España quen máis se achegou ó sinthpop que practicaba Depeche Mode foi Olé Olé. O grupo liderado por Vicky Larraz botouse a andar en 1982 coa publicación de varios singles moi influenciados por grupos como o de Martin Gore e compañía, que logo aparecerían no álbum epónimo que lles servía de debut en 1983. Un dos singles máis exitosos foi "No controles", que reproducía nalgún extracto o son de "See You". "No controles" escribiuno Nacho Cano, un dos integrantes de Mecano, outro dos grupos de moda cun estilo similar ó de Olé Olé.

Ningún comentario:

Publicar un comentario