Acostumados durante toda a súa andaina a reflectir de xeito bastante directo as súas principais influencias, os irmáns Gallagher lograron que as cancións de Oasis se prestasen como xogo para buscarlle as referencias que lles serviron de inspiración. Non hai álbum que non conteña algunha canción que lembre a algunha anterior dalgún ídolo de Noel Gallagher. O sexto disco, Don't Believe the Truth (2005) non é ningunha excepción e atopamos que o segundo single, "The Importance of Being Idle", que interpreta o propio Noel, repite esa fórmula que é un signo de distinción en Oasis. A crítica pronto se decatou que o son xa era familiar, e coma noutras ocasións, Noel admitiu en varias entrevistas esas influencias, que, polo menos en "The Importance of Being Idle" se amosan como tributo.
Noel Gallagher sempre recoñeceu a súa admiración por The Kinks, unha das bandas máis influentes no pop rock británico, e case mundial, desde os anos sesenta. O comezo de "The Importance of Being Idle" neste caso é o mesmo que en "Dead End Street", single que se editou en 1966 e que é unha das composicións máis famosas de Ray Davies.
Posiblemente tamén moi influídos polo son de "Dead End Street", The La's gravou "Clean Prophet", unha das cancións do único álbum que a banda de Liverpool editou en 1990, The La's. Noel comentou que xunto a canción de The Kinks esta de The La's foi fundamental na composición de "The Importance of Being Idle".
Ningún comentario:
Publicar un comentario