xoves, 27 de novembro de 2014

Devils Haircut

O prestixio de Beck como músico aumentou despois da publicación de Mellow Gold (1994) e foi sen dúbida na década dos noventa onde a súa discografía viviu a etapa de maior esplendor, unha reputación que aínda se mantén na actualidade, pois os seus últimos traballos conservan esa chispa que xa se lle adiviñaba en Mellow Gold. Odelay (1996) continuou a boa estela do álbum anterior e é dos máis aplaudidos polos fans e pola crítica especializada. Trátase dun disco ecléctico, no que Beck recolle unha morea de estilos nas trece cancións que o compoñen. Quizais o máis rechamante sexa a influencia que exerceu para este traballo a banda de Van Morrison, Them, que está presente en varias cancións, como en "Jack-Ass", como xa tivemos ocasión de ver. Outra que tamén tirou do repertorio de Them é o segundo single, "Devils Haircut", das máis aclamadas do álbum e que, ademais de Them, Beck aproveita para recuperar unha das cancións do gran batería Pretty Purdie.

http://youtu.be/N3ZsKeX2_7A

Bernard "Pretty" Purdie lograra inculcar protagonismo á bateria, un instrumento fundamental no son, pero que sempre quedaba relegado na presenza doutros. Como xa vimos, creou unha secuencia que despois aparecería en cancións doutros músicos. Pero en "Devils Haircut" Beck rescata unha das cancións de Pretty Purdie, "Soul Drums", do álbum do mesmo título que publicou en 1967.

http://youtu.be/23ihawJKZcE

Them contribúe con dúas cancións para a elaboración de "Devils Haircut". As dúas pertencen ó segundo álbum, Them Again (1966). Unha delas é a versión que os norirlandeses fixeron do tema de James Brown "Out of Sight".

http://youtu.be/GLUYz-cbq5Y

Por certo, a versión orixinal de "Out of Sight" gravouna James Brown en 1964 con son de rhytm&blues.

http://youtu.be/xaOmCHMzXa8

A outra canción de Them é "I Can Only Give You Everything", un tema composto por Mike Coulter e Tommy Scott.

http://youtu.be/VH0G1o8xbt4

Ningún comentario:

Publicar un comentario