venres, 14 de novembro de 2014

Seven Wonders

Xunto con Rumours (1977) e Tusk (1979), Tango in the Night (1987) é o disco máis coñecido para o gran público de Fleetwood Mac. O éxito debeuse sen dúbida ó repertorio que a banda seleccionou e a unha boa escolla dos singles, pois hai que recoñecer que Stevie Nicks, Christine McVie e Lindsey Buckingham estaban nun gran momento compositivo e saíulles un álbum redondo. O segundo single, "Seven Wonders", é das cancións máis populares de Fleetwood Mac, unha das composicións que Stevie Nicks achegou ó álbum, aínda que o mérito non é todo dela, xa que é unha das escasas cancións que veñen asinadas ademais por algúen que non pertence á banda. Neste caso, Stevie Nicks escribiuna xunto a compositora de Texas Sandy Stewart, que se encargou principalmente da letra e a gravou nunha maqueta para que Stevie Nicks a xulgase e fixese as modificacións pertinentes. 


Parece que as bases de "Seven Wonders" aproveitounas pouco despois Stevie Nicks para unha das cancións do seu disco en solitario The Other Side of the Mirror (1989). O son de "Juliet" está tomado dunha remestura de "Seven Wonders", polo que é difícil indentificar unha canción con outra, á parte da voz de Nicks, naturalmente.


Outra cousa é a canción de Pictureplane "Goth Star", pertencente a Dark Rift (2009) onde toma directamente o son de "Seven Wonders" para darlle entidade ó seu propio tema. 


E igual que fixo Pictureplane, Classixx tamén samplea "Seven Wonders" en "Hanging Gardens", canción que titula o álbum de debut deste dúo de música electrónica que se publicou en 2013.

Ningún comentario:

Publicar un comentario