xoves, 20 de novembro de 2014

Old and Wise

No álbum máis coñecido de The Alan Parsons Project, o arquicoñecido Eye in the Sky (1982), a canción que lle dá título logrou eclipsar ás demais dese disco e case se podería dicir que tamén toda a carreira anterior e posterior de The Alan Parsons Project. Por iso nunca está demais volver pousar os ollos e os oídos nese sexto traballo que o enxeñeiro de son Alan Parsons gravou coa súa banda no mítico estudio de Abbey Road. Calquera das restantes cancións do álbum serven para mostrar que The Alan Parsons Project é algo máis que "Eye in the Sky", así que nos imos deter en "Old and Wise", a pechacancelas, que nos últimos anos espertou un repentino interese nos artistas de hip hop e nos picadiscos sen moitas ideas propias. Como cremos que "Old and Wise" é unha canción realmente boa, interpretada polo cantante de The Zombies Colin Blunstone, só imos pór dous exemplos de como queda de estragada tras funcionar como sample en cancións menores.

http://youtu.be/rrdbpo7T8n4

O primeiro en reclamar a "Old and Wise" como parte dunha canción para o seu álbum de debut Section.80 (2011) foi Kendrick Lamar en "Keisha's Song (Her Pain)". En calquera caso, hai que recoñecerlle que lle quedou ben.

http://youtu.be/XX4la7LwwVk

Se Kendrick Lamar respecta a canción de The Alan Parsons Project, non se pode dicir o mesmo do que fai o produtor de música electrónica Pryda en "Shadows", de Eric Prydz Presents Pryda (2012). Pryda, que se fixera famoso en 2004 cunha remestura de "Valerie" de Steve Winwood renomeada "Call Me", deforma neste caso "Old and Wise" ata facela case irrecoñecible, a non ser polos coros.

http://youtu.be/UnAaagAN2ZE

Ningún comentario:

Publicar un comentario