O ano pasado anunciouse o regreso despois de trinta anos dunha banda escocesa da que moitos apenas oíron falar e da que só uns cantos se lembraban. Volvían The Headboys por todo o alto cun disco totalmente do trinque, con cancións inéditas, o que constituía un motivo de celebración. No entanto, se a noticia non tivo demasiada repercusión nos medios especializados de música debeuse a breve andaina que The Headboys tivo no seu momento. Formada en Edimburgo no ano 1977, tardarían dous en sacar The Headboys (1979), que a pesar dos numerosos singles, pasou sen pena nin gloria e poucos meses despois os membros de The Headboys diluían a banda entre a indiferenza xenenralizada. Con todo, en The Headboys quedou a lembranza dun dos singles, "The Shape of the Things to Come", unha canción rockeira que lle ocasionou a The Headboys unha pequena alegría na súa curta traxectoria.
Non se sabe moi ben que foi o que moveu a The Headboys a retomar outra vez os instrumentos e meterse nun estudio de gravación para sacar novo material, pero seguramente algo tivo que ver que AC/DC empregase un riff de guitarra moi semellante ó de "The Shape of the Things to Come" en "Anithing Goes", unha das cancións que compoñen Black Ice (2008).
Ningún comentario:
Publicar un comentario