Amosando publicacións coa etiqueta The Supremes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta The Supremes. Amosar todas as publicacións

martes, 24 de marzo de 2015

Stop, Look, Listen (to Your Heart)

Filadelfia foi berce desde sempre de excelentes grupos de soul, que cativaron ó público coas súas interpretacións vocais. The Stylistics sumou un novo elo ó fundarse a finais dos sesenta. Co apoio do produtor Thom Bell e da compositora Linda Creed lograron debutar cun álbum epónimo en 1971, que incluía algunhas cancións que agora xa forman parte da historia do soul. Unha das máis importantes é a que abre o disco, "Stop, Look, Listen (to Your Heart)", que logo acadaría tamén unha gran popularidade nas voces de Marvin Gaye e de Diana Ross.


Nun deses trucos que ás veces os xefes da Tamla Motown tiñan a man, xuntaron a dúas das súas estrelas máis importantes, Diana Ross e Marvin Gaye para que gravasen un álbum de duetos, titulado como non, Diana & Marvin (1973), no que repasaban algúns éxitos do soul cantados por outras voces. A versión que fixeron do tema de The Stylistics é das máis destacadas.


Aproveitando que é unha fabulosa canción soul, Craig David tomou as bases de "Stop, Look, Listen (to Your Heart) para o tema "All Alone Tonight", pertencente a Signed Sealed Delivered (2010), álbum de versións e revisións da época dourada do soul.

venres, 13 de febreiro de 2015

Cupid

Sam Cooke tivo unha prolífica carreira, que seguramente nos proporcionaría moitas outras grandes cancións se non perdese a vida tan novo. Malia editar os seus primeiros singles en 1957, cinco anos despois ía xa polo terceiro compilatorio que recollía boa parte do material publicado ata daquela. En The Best of Sam Cooke (1962), ademais dos grandes éxitos, Cooke incluíu algún tema inédito que lle serviu para promocionar o disco e facer de gancho para os fans. Desde logo non se trata de ningunha canción menor, pois "Cupid" é unha das máis recordadas se temos en conta as numerosas versións que fixeron desde a súa publicación. Así que a continuación tendes unha pequena mostra dalgunhas das versións máis coñecidas de "Cupid". A ver cal é a vosa favorita.


No álbum tributo que se lle fixo a Sam Cooke We Remember Sam Cooke (1965) The Supremes interpretaron "Cupid" e que supón unha das primeiras versións.


Como gran coñecedor da obra de Cooke, que cantou numerosas veces, Otis Redding tamén gravou "Cupid", difirindo lixeiramente a súa versión das anteriores.


A pesar de que non foi a primeira que a gravou en clave reggae, Amy Winehouse fixo unha das mellores versións dos últimos anos. A dela é de 2007 e pertence a unha edición especial de Back to Black.


"Cupid" tamén serviu para adornar e darlle lustre á canción de Carly Rae Japsen "Tiny Little Bows", que abre o segundo álbum desta moza, Kiss (2012), e co que tanta sona acadou.

xoves, 23 de outubro de 2014

Hang On Sloopy

Na andaina de The Vibrations, un grupo de comezos dos sesenta, non se contan demasiados éxitos, pero si teñen no seu currículum un trallazo coma "My Girl Sloopy", que pese ó estilo máis próximo ó soul, cimentou o son garage rock, que en tan pouco tempo ía ser un dos estilos desa década na versión de The McCoys. Malia que cando se publicou, "My Girl Sloopy" tivo un éxito morno, foi o suficientemente grande para que The McCoys a gravaran cun novo título, "Hang On Sloopy", en clave rock, que os levou a ocupar o primeiro posto das listas estadounidenses. Acababa de prender o garage rock e con el un riff de guitarra que ían facer de "Hang On Sloopy" un clásico da década.


"Hang On Sloopy" foi o primeiro single de The McCoys e o único que chegou o primeiro posto das listas. Cos seguintes non terían tanta sorte e acabarían por esmorecer ó final dos sesenta. Pero lograran colocarse nun oco privilexiado na historia do rock coa versión de The Vibrations.


Poucas semanas despois da publicación de "Hang On Sloopy" por parte de The McCoys, comezaron a agromar as versións, xa que poucas bandas de rock se resistían a gravala. Unha das que tivo máis éxito foi a de The Yardbirds no álbum For Your Love (1965), aínda que a banda de Jeff Beck e Eric Clapton mantiveron o nome co que a gravaran The Vibrations, "My Girl Sloopy".


Pero non só as bandas de rock se sentían atraídos por "Hang On Sloopy". The Supremes tamén gravaron unha versión co seu estilo pop no álbum The Supremes A' Go-Go (1966).


Pero a influencia de "Hang on Sloopy" foi máis aló das versións. Nas primeiras bandas de garage, nótase que o riff da guitarra serviu nas novas composicións, coma no single de The Weeds "It's Your Time" (1966).


O mesmo se pode dicir de Kit and the Outlaws e o single "Don't Tread on Me" (1966), un dos seus maiores éxitos, que tamén se basea en "Hang On Sloopy".

venres, 20 de decembro de 2013

Ask Any Girl

En teoría, as cancións que aparecen nas caras B dos singles son composicións menores e que se aparecen nos discos de longa duración só é para enche-la minutaxe, pero o mundo da música tennos demostrado en centos de ocasións que as cancións das caras B poden superar ás que aparecen nas caras A. "Ask Any Girl", sen ser a mellor canción de The Supremes, non se pode considerar ás primeiras de cambio como unha simple canción máis das tantas que ten escrito o equipo da Motown Holland-Dozier-Holland, aínda que esa era a idea principal da discográfica. Primeiro editouse na cara B do single "Baby Love" e logo no álbum Where Did Our Love Go (1964) aparece como a última canción da cara B. Pero a historia ía ser algo máis amable con esta canción de The Supremes.


Tan só un ano despois, aparecía no mercado o single de Len Barry "1-2-3" e que se incluiría nun álbum co mesmo nome. "1-2-3" non tardaría unha enorme sona e, de feito, está considerada a gran canción de Len Barry. Editado por Decca Records, os da Tamla Motown enseguida levaron as mans á cabeza e manifestaron que "1-2-3" non era máis ca un remedo de "Ask Any Girl", aquela canción de pouca importancia que gravaran The Supremes apenas un ano antes.


O caso é que a suposta acusación que levaron a cabo dende a Tamla Motown non ensombreceu en absoluto o éxito de "1-2-3", que mesmo é unha canción moi versionada. Incluso Edwyn Collins escolleuna para o son de batería do seu gran éxito "A Girl Like You", o temazo do álbum Gorgeous George (1994).

xoves, 31 de outubro de 2013

Where Did Our Love Go

O grupo feminino vocal que máis sobresaía na Tamla Motown foi The Supremes. A formación liderada por Diana Ross era unha fonte de ganancias para o selo de Detroit e cos anos, acentuouse o seu prestixo. Os xefes da Motown, sabedores do valor que tiñan, trataron de coidar ó máximo ó que para moitos era o gran tesouro da discográfica, beneficiando a The Supremes por diante doutros grupos similares que pertencían ó mesmo selo. Deste xeito producíase unha simbiose perfecta: os produtores rodeábanse dos mellores compositores e músicos para ofrecerlle ás Supremes un material moi traballado e elas devolvíanlles o favor pondo as súas privilexiadas voces e unha interpretación chamada a crear escola. "Where Did Our Love Go", do álbum do mesmo título, publicado en 1964 é un deses temas que fixeron grandes a The Supremes.


Un ano despois, outra formación vocal, pero esta vez masculina e tamén pertencente á Tamla Motown, sacaban unha canción cunha melodía que recorda moito á do tema das Supremes. Falamos de Four Tops e o tema "I Can't Help Myself (Sugar Pie Honey Bunch)", pertencente ó disco Four Tops' Second Album (1965). En realidade, nada estraño, xa que ámbalas cancións están asinadas polos mesmos autores e foron producidas polos mesmos produtores. 

http://youtu.be/s3bksUSPB4c

Tamén se pode considerar unha brincadeira por parte de Four Tops a canción "It's the Same Old Song" do mesmo álbum, onde reproducen a mesma melodía de "I Can't Help Myself".http://youtu.be/2wYoLQc-x5g

E habería que esperar á última década do pasado século para que alguén volvese recuperar o son destas dúas cancións para transformalos nun só. Ace of Base, o grupo sueco que revolucionara as discotecas desa década coa súa música, inclúe no álbum Flowers (1998) "Always Have, Always Will" inspirándose no son Motown. Non é o mesmo, pero sempre podería ser peor.

mércores, 15 de febreiro de 2012

Lust For Life

En setembro de 1977 o ex líder de The Stooges, o carismático Iggy Pop, publicaba o seu segundo álbum Lust For Life, tan só seis meses do seu debut en solitario The Idiot. O álbum foi producido polo propio Iggy Pop, Colin Thurston e David Bowie, que se encargaría tamén da música de moitas das cancións, entre elas á que lle dá nome ó album. En 1996, "Lust For Life" foi incluida na banda sonora da película Trainspotting.

` http://www.goear.com/listen/c729675/lust-for-life-iggy-pop

Mais para o nacemento de esta excelente canción, Iggy Pop serviuse de dous grandes éxitos da Tamla Motown. O primeiro, "You Can't Hurry Love", que The Supremes incluíron no álbum The Supremes A Go-Go (1966), foi clave para o son da batería.

http://www.goear.com/listen/f86d98c/you-cant-hurry-love-the-supremes

A segunda foi o tema de Martha and the Vandellas "I'm Ready for Love", do álbum Whatchout!, publicado no mesmo ano que o de The Supremes, cos mesmos publicados. Neste caso, apréciase claramente a contribución ó tema de Iggy Pop na melodía.

http://youtu.be/7seTvtKUU1w

Por certo, Martha and the Vandellas gravaron unha versión en castelán que non nos resistimos a deixar de poñer.

http://www.goear.com/listen/4ff4b15/yo-necesito-de-tu-amor-im-ready-for-love-martha-and-the-vandellas

Unha das versións máis destacadas deste tema de Iggy Pop é a que Tom Jones incluiu no seu álbum de tributo a cancións de rock  Reload. Para esta canción o Tigre de Gales fíxose acompañar pola banda de Crissie Hynde The Prettenders.


O son tan particular de "Lust For Life" non pasou desapercibido e influiu de xeito máis ou menos explícito noutros artistas e grupos. Sinalouse como caso máis claro o da banda australiana Jet con "Are You Gonna Be My Girl", do seu álbum Get Born (2003).

 http://www.goear.com/listen/419f041/are-you-gonna-be-my-girl-jet

En 2007 Travis volveu recuperar o son da batería para a súa canción "Selfish Jean" do álbum The Boy with No Name.

http://www.goear.com/listen/3d7db57/selfish-jean-travis

xoves, 30 de xuño de 2011

The Happening

The Supremes foi un dos grupos femininos máis importantes da década dos 60 e un dos emblemas da Motown. Composto por Mary Wilson, Florence Ballard e a carismática Diana Ross, The Supremes chegou a colocar boa parte dos seus éxitos no número un das listas de medio mundo. En 1967, colaboraron na banda sonora da comedia "The Happening" cunha canción homónima escrita por Lamont Dozier e os irmáns Brian e Edward Holland, compositores habituais dos temas da Motown.

 http://www.goear.com/listen/b98e0f2/the-happening-the-supremes

En 1990, o grupo Greta y los Garbo, que se formara un ano antes en Valladolid coas irmás Beatriz, Belén e Sara González xunto a  Ignacio Gómez, publicou o seu álbum de debut ¡Menuda fiesta! e a canción que lle daba título é unha divertida versión do tema de The Supremes.

 http://www.goear.com/listen/5df9cd6/menuda-fiesta-greta-y-los-garbo