venres, 13 de febreiro de 2015

Cupid

Sam Cooke tivo unha prolífica carreira, que seguramente nos proporcionaría moitas outras grandes cancións se non perdese a vida tan novo. Malia editar os seus primeiros singles en 1957, cinco anos despois ía xa polo terceiro compilatorio que recollía boa parte do material publicado ata daquela. En The Best of Sam Cooke (1962), ademais dos grandes éxitos, Cooke incluíu algún tema inédito que lle serviu para promocionar o disco e facer de gancho para os fans. Desde logo non se trata de ningunha canción menor, pois "Cupid" é unha das máis recordadas se temos en conta as numerosas versións que fixeron desde a súa publicación. Así que a continuación tendes unha pequena mostra dalgunhas das versións máis coñecidas de "Cupid". A ver cal é a vosa favorita.


No álbum tributo que se lle fixo a Sam Cooke We Remember Sam Cooke (1965) The Supremes interpretaron "Cupid" e que supón unha das primeiras versións.


Como gran coñecedor da obra de Cooke, que cantou numerosas veces, Otis Redding tamén gravou "Cupid", difirindo lixeiramente a súa versión das anteriores.


A pesar de que non foi a primeira que a gravou en clave reggae, Amy Winehouse fixo unha das mellores versións dos últimos anos. A dela é de 2007 e pertence a unha edición especial de Back to Black.


"Cupid" tamén serviu para adornar e darlle lustre á canción de Carly Rae Japsen "Tiny Little Bows", que abre o segundo álbum desta moza, Kiss (2012), e co que tanta sona acadou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario