xoves, 12 de febreiro de 2015

Ring of Fire

A frutífera carreira de Johnny Cash está ateigada de grandes cancións, imprescindibles moitas delas na historia da música contemporánea do último medio século, pero sen dúbida a máis destacada é "Ring of Fire", unha canción concibida para o compilatorio Ring of Fire: The Best of Johnny Cash (1963), pero que se converteu na canción máis emblemática de Cash. E non obstante, non foi o primeiro en gravala. A compositora da canción, June Carter, que uns anos máis tarde casaría con el, ofreceulla a súa irmá Anita Carter, que a publicou no álbum Folk Songs Old and New (1963) co título "(Love's) Ring of Fire", que sería o seu maior éxito.


Ó escoitar a canción de Anita Carter, Johnny Cash decidiu gravar a súa propia versión, pero incorporando o son mariachi mexicano e tralas sesións no estudio, puido incluíla no compilatorio Ring of Fire: The Best of Johnny Cash que se publicou poucos meses despois de que "Ring of Fire", na voz de Anita Carter, arrasase nas listas country.


E The Animals, ou mellor dito, xa como Eric Burdon & The Animals, que levaban un tempo especializándose en versións, tamén fixeron unha de "Ring of Fire" trasladándoa ó seu estilo rock. Pertence ó álbum Love Is (1968).


Social Distortion tamén fixeron a súa versión de "Ring of Fire", pero en clave punk no álbum epónimo que editaron en 1989.

Ningún comentario:

Publicar un comentario