venres, 6 de febreiro de 2015

Don't Leave Me This Way

Harold Melvin & the Blue Notes era unha banda rodada con máis dunha década ás costas cando por fin lanzou un álbum, Wake Up Everybody (1975). Atrás quedaba unha etapa na que só editaban un par de singles ó ano de forma dispersa. O feito era que se trataba dunha banda coa madurez dabondo para intentalo cun disco de longa duración, e o resultado foi máis ben un EP de sete cancións, onde destaca "Don't Leave Me This Way", coa que Harold Melvin & the Blue Notes faría furor nas pistas de discos. Que era un tema predisposto para o éxito enseguida o viron na Motown, onde os executivos non tardaron en preparar unha versión para algún dos seus artistas e en apenas nuns meses estaba lista a de Thelma Houston. Pero non habería de ser a única. As versións de "Don't Leave Me This Way" comezaron a multiplicarse.


Unha das máis temperás foi a adaptación ó frances de Sylvie Vartan, que tivo un enorme tirón en Francia no ano 1977.


Aínda que a xente máis nova coñeceu esta canción grazas a The Communards, que no álbum epónimo co que debutaron en 1986 incluíron unha versión que lles deu un éxito inmediato. Moitos aínda cren que esta canción é orixinal deles.


Pero non todo foron versións. "Don't Leave Me This Way" tamén inspirou algunha que outra famosa canción de finais dos setenta, como "Yes Sir, I Can Boogie", o maior éxito de Baccara, que aparece no álbum de debut deste dúo, Baccara (1977). A influencia de "Dont' Leave Me This Way" apréciase sobre todo nas primeiras notas.


E espectacular é tamén a versión de Goldfrapp de "Yes Sir, I Can Boogie" que aparece na edición neerlandesa de Black Cherry (2003). Nin rastro de "Don't Leave Me This Way".

Ningún comentario:

Publicar un comentario