martes, 24 de febreiro de 2015

Berzek

Por moitos anos que pasen, o estilo de facer hip hop de Eminem apenas varía, pero deu cunha fórmula que lle permite seguir sendo un dos rapeiros de referencia. Unha das claves é que o de Detroit sabe rodearse das persoas adecuadas cando prepara un novo disco, o que sempre garante certo éxito. No penúltimo álbum, The Marshall Mathers LP 2 (2013), Eminem contou con Rick Rubin como produtor dalgunhas cancións, quen lle suxeriu novas ideas para os temas en que traballaban xuntos. O veterano produtor, que gañara unha merecida reputación nos oitenta ó impulsar as carreiras de grupos de hip hop, post punk e trash metal coma Public Enemy e Beastie Boys, entre outros moitos, levou o peso das principais cancións do álbum e non é casualidade que o single de promoción fose un dos temas nos que deixou a súa pegada. En "Berzek" nótanse os trazos dalgunhas cancións dos Beastie Boys e do hard rock dos oitenta, sen dúbida, achegas claras de Rubin.


O único elemento  ó que Rick Rubin foi alleo trátase do fragmento da canción de Billy Squiers "The Stroke", pertencente a Don't Say No (1981). Rubin non participou na produción deste álbum, pero é un bo coñecedor do hard rock daqueles anos, así que pensou que podería quedar ben en "Berzek".


Pero quen mellor contribúe á canción de Eminem con achegas do seu repertorio é Beastie Boys. Un dos grupos fetiche de Rubin teñen o seu sitio en "Berzek" con dúas cancións producidas no seu día por Rick Rubin. A primeira é "The New Style", do álbum Licensed to Ill (1986).


A segunda é con moita probabilidade a máis coñecida da discografía de Beastie Boys. É "(You Gotta) Fight for Your Rights (To Party!)", do mesmo álbum ca "The New Style".

Ningún comentario:

Publicar un comentario