Amosando publicacións coa etiqueta Blur. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Blur. Amosar todas as publicacións

mércores, 18 de marzo de 2015

Psycho Killer

A new wave comezou a xestarse a finais dos setenta cando unha serie de novos grupos decidiron facer algo diferente aproveitando a gama de novos xéneros que se crearon nesa década. Así que cunhas doses de pop, rock, funk, disco, reggae e punk as novas bandas foron perfilando un estilo ecléctico coñecido como a nova onda, unha maneira de dicir que o tempo futuro chegara. Unha desas bandas foi Talking Heads, que debutaban en 1977 con Talking Heads: 77 e xa aí se deixaba ver que David Byrne, alma máter do grupo, estaba chamado a facer grandes cousas na década seguinte. A gran canción da ópera prima de Talking Heads é, sen dúbida, "Psycho Killer", un tema que aínda hoxe fai as delicias de seguidores e artistas.


Non deixa de ser unha alegría a volta de Blur. Quince anos despois da época dourada da banda, e tras numerosos proxectos de Damon Albarn pola súa conta e uns cantos desencontros con Graham Coxon, a banda londiniense regresa por todo o alto cun novo álbum, The Magic Whip, que verá a luz o vindeiro mes de abril. De momento xa podemos escoitar o adianto, "Go Out", que ten un son que recorda moito a "Psycho Killer".

martes, 16 de decembro de 2014

Caramel

Os experimentos que as bandas de rock progresivo coma Pink Floyd e Electric Light Orchestra facían arredor dos anos setenta parecían moi afastados do que se levaba vinte anos despois. Pero cando a febre do britpop comezaba a esgotarse e os rebeldes grupos buscaban un son máis maduro, Damon Albarn atopou a inspiración nas vellas bandas británicas. Así que cando Blur publicou 13 (1999) sorprendía escoitar algunha canción de máis de cinco minutos de duración que evocaba aqueles tempos do rock progresivo. É o caso de "Caramel", unha fantástica mostra de rock experimental, máis achegada ó traballo de Radiohead, que non era frecuente achar no repertorio de Blur. O último minuto da canción está composto por dúas partes instrumentais; a primeira parte lembra moito o son de "Optigan 1", a canción que pecha o disco, polo que semella un anticipo desa canción. A segunda parte, xa máis rockeira, está máis en consonancia co que Blur adoitaba ofrecer.


A primeira parte instrumental de "Caramel" apenas dura uns poucos segundos, os suficientes para identificalos ó comezo de "Optigan 1", que parece unha simple extensión, xa que non deixa de ser un tema instrumental de dous minutos e medio.


Sempre se dixo que o espello de Kaiser Chiefs era Blur, que o estilo da banda de Leeds era case un calco do de Damon Albarn e compañía, pero posiblemente onde mellor se mostra esa influencia sexa no tema "Saturday Night", do álbum de debut Employment (2005). Para moitos, supostamente o son desta canción está inspirada na última parte de "Caramel".

xoves, 14 de marzo de 2013

Girls and Boys

Parklife, o terceiro disco que Blur publicou, foi en primeiro en ter repercusión máis aló de Gran Bretaña, malia que os anteriores traballos tamén se editaron en Estados Unidos. Era o ano 1994, cando o britpop vivía en pleno apoxeo, e a banda de Damon Albarn estaba aí como unha das pezas clave dese fenómeno. O feixe de cancións de Parklife serve moi ben para entender ese momento de esplendor no pop inglés, se ben é verdade que a música británica nunca tivo unha mala época. Ábrese con "Girls & Boys", todo un trallazo e unha das mellores cancións asinadas por Albarn.


Xa temos comentado nalgunha ocasión a influencia que supuxo a música de David Bowie para o son de Blur. Por iso, non deixa de resultar abraiante que no álbum do Duque Branco Reality (2003), o último antes do recente The Next Day, que sae este mes, o primeiro single, "New Killer Star", teña un son tan parecido a "Girls & Boys". Semella que dalgún xeito, Bowie lle estivese agradecendo a Blur que recolleses a súa herdanza musical.

xoves, 25 de outubro de 2012

Fantastic Voyage

Se algo sempre caracterizou a David Bowie é que cada disco que sacaba ó mercado intentaba ser aínda máis innovador e experimental ca o anterior. Con Lodger, publicado en 1979 Bowie demostrou que seguía estando na vangarda da música para ledicia dos seus seguidores. Axudado na produción polo gran Tony Visconti, Lodger tiña como peculiaridade o complemento que ofrecían dous dos seus temas. "Fantastic Voyage", a canción que abre o disco ten a mesma estrutura co corte oito "Boys Keep Swinging", que foi o elixido como single promocional e levaba "Fantastic Voyage" na cara B. Esta curiosidade fai que practicamente un tema sexa a continuación do outro, algo así como a mesma canción con dúas caras. Comezamos con "Fantastic Voyage", malia que a orde de factores non altera o resultado.



E baseándose nestas dúas gran cancións de Bowie, especialmente "Boys Keep Swinging", a banda de Damon Albarn, Blur, réndelle unha sentida homenaxe ó duque branco no quinto disco dos londinenses Blur  (1997). "M.O.R." recorre á mesma estrutura como se intentase eternizar a melodía emprendida por Bowie.