Amosando publicacións coa etiqueta Sting. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sting. Amosar todas as publicacións

luns, 29 de xuño de 2015

King of Pain

Sempre na vangarda da new wave, The Police ofrecían en cada álbum a mistura necesaria de frescura e talento que lle daba á banda de Sting, Stewart Copeland e Andy Summers os seus signos de identidade. Co quinto disco, Synchronicity (1983), non ía ser diferente e este traballo e non defraudou as expectativas que se crearon. As once cancións que o compoñen son dun extremado nivel, que fan de Synchronicity un dos álbums máis aclamados de The Police. Unha das excelentes cancións do disco é "King of Pain", un tema de Sting, cuarto e último single que se editou do disco.

https://youtu.be/0mgSCKXSp9M

Como moitos temas de The Police, "King of Pain" tamén conta con versións doutros artistas e unha das máis coñecidas é a acústica de Alanis Morissette, no seu MTV Umplugged (2000).

https://youtu.be/EzJTH67cv8E

xoves, 19 de xuño de 2014

Bring on the Night

Pasa a miúdo que as cancións que non se elixen como single dun álbum se esquezan con máis facilidade. Se por riba se trata dun álbum ateigado de cancións que chegan a marcar a traxectoria dunha banda, é normal que as que non foron single non se recorden tanto. Isto pode aplicarse á canción de hoxe, "Bring on the Night", pertencente ó segundo disco de The Police Reggatta de Blanc (1979), que sen ser unha mala canción, desde logo non é das que máis demandarían os fans nun hipotético concerto do trío londiniense. Con todo, "Bring on the Night" ten o encanto necesario para inspirar cancións, e por iso imos dedicarlle unha entrada. "Bring on the Night" é unha das poucas cancións de Reggatta de Blanc que está asinada unicamente por Sting e o riff da guitarra que se emprega nela fixo que estivese presente nun tema de Stevie Nicks.

http://youtu.be/Bz1mEMiNPHQ

Porque o certo é que cando a vocalista de Fleetwood Mac decidiu voar pola súa conta procurou que o seu debut estivese á altura do que facía coa banda. Así que se rodeou de músicos coma Tom Petty e os compoñentes de Eagles, Don Henley e Don Felder, ademais de elixir de produtor a Jimmy Iovine para sacar adiante Bella Donna (1981). Stevie Nicks compuxo a meirande parte das cancións, coma "Edge of Seventeen", que curiosamente na base recorda lixeiramente á canción de The Police.

http://youtu.be/Dn8-4tjPxD8

Pero ademais, "Edge of Seventeen" acabou por formar parte de "Bootylicious", unha das cancións que forman parte do terceiro disco de Destiny's Child Survivor (2001). O grupo de Beyoncé Knowles apropiouse do riff de guitarra da canción de Stevie Nicks, aínda que exactamente habería que dicir que se apropiou do da canción de The Police, non si?

http://youtu.be/Zydy7liui7g

martes, 28 de xaneiro de 2014

Prince of Denmark's March

Un dos grandes compositores de música clásica do Reino Unido é Jeremiah Clarke, que ó redor de 1700, compuxo unha marcha dedicada ó príncipe Jorgen de Dinamarca, marido da raíña Anne de Gran Bretaña, que se convertería na súa peza máis coñecida e aprezada ó longo do tempo. Empregada especialmente en vodas, coma a de Lady Di co príncipe Charles que a puxeron de moda, "Prince of Denmark's March" é case un himno para os británicos, pero á vez tamén conseguiu deixar un pouso nunha serie de cancións contemporáneas, que en principio, non parecen ter nada que ver entre si.


Os primeiros en acudir ás notas da marcha do príncipe de Dinamarca foron, como non, os Beatles, na canción "It's All Too Much", que finalmente apareceu en Yellow Submarine (1969),a banda sonora da película do mesmo título, tras descartarse da lista de cancións do St. Peppers's. Composta por George Harrison, que tamén é o encargado de interpretala, nela empréganse trompetas cara ó final cuxa melodía trae o recordo da composición de Clarke.


Pero máis evidente é o caso do tema da Electric Light Orchestra "Boy Blue", do álbum Eldorado (1974), que comeza precisamente coa marcha.


Tamén a influencia desta marcha se pode apreciar na canción de Sting "All This Time", incluída no disco The Soul Cages (1991).


Finalmente, as trompetas volven a aparecer esta vez no tema de Chumbawamba, "Tubthumping", o seu maior éxito, pertencente ó album Tubhumper (1997).


mércores, 28 de agosto de 2013

No Woman No Cry

O álbum Natty Dread de 1974 supuxo un momento de transición para Bob Marley. Por primeira vez, o disco editábase baixo o nome Bob Marley & The Wailers, resaltando así o carisma e a importancia que Marley exercía por onde pasaba. Por outro lado, tamén influíu neste cambio de nome a marcha doutros dous componentes de peso coma Bunny Wailer e Peter Tosh. E postos a innovar, Natty Dread tamén é o primeiro disco de Bob Marley que conta coa participación do trío en que cantaba a súa muller Rita, I Trees. Con todos estes cambios, o lanzamento de Natty Dread levantou unha gran expectación no selo Atlantic, pois Chris Blackwell, o produtor e dono da discográfica, non sabía como ía responder o público maila crítica, pero Natty Dread contiña un temazo, que habería de quedar para a posteridade como un dos grandes himnos da carreira de Marley: "No Woman No Cry".


Un ano despois, Bob Marley & The Wailers publicaron o disco en directo Live! con algunhas das súas mellores cancións, onde non faltaba "No Woman No Cry". A publicación da versión en concerto pronto acadou cotas de popularidade superiores á da versión no estudio, e de feito, hoxe practicamente só soa á versión en directo:  http://youtu.be/SV2hshsChlk

Das versións que outros artistas gravaron no estudio para un álbum, a que máis repercusión tivo foi a de Fugees' no seu exitoso primeiro disco The Score (1996), onde Wyclef Jean fai unha interpretación marabillosa.

http://youtu.be/n8G1oADtHcQ

Baseada no son de "No Woman No Cry" atopamos unha das cancións máis famosas de The Police, "So Lonely", pertencente a Outlandos d'Amour (1978). A base está tan ben camuflada que é complicada notar o parecido na primeira escoita.

http://youtu.be/fz0DFefft2E

"No Woman No Cry" tamén está na base dunha das cancións que Andrés Calamaro gravou no álbum Honestidad Brutal (1999).


luns, 12 de agosto de 2013

Spirits in the Material World

Que The Police é unha das bandas pertencentes ó movemento New Wave que máis influencia tivo na música é algo que moi pouca xente pon hoxe en dúbida. Cando en 1981 a banda de Sting puxo no mercado o seu cuarto traballo Ghost in the Material World xa era unha referencia para grupos principiantes que viron no xeito de The Police de facer música un camiño co que ir perfilando un estilo propio. A canción que abre ese cuarto disco de The Police, "Spirits in the Material World", é hoxe todo un clásico da banda londinense, con ese estilo tan próximo ó reggae que Sting lle soubo dar como unha nota propia a case todo o material de The Police.


Pero é que mesmo nas últimas década o son de The Police segue totalmente vivo nas novas bandas que empezan a despuntar e que practicamente están xa consolidadas. Un dos últimos exemplos atopámolo no debut da banda de Nova York Yeasayer All Hour Cymbals (2007). A canción "Wait for the Summer" parece propia de Sting e sobre todo, o comezo lembra moito a "Spirits in the Material World".

venres, 5 de xullo de 2013

If You Love Somebody Set Them Free

A separación de The Police cando tan só levaban uns poucos anos namorando tanto ó público como á crítica supuxo un desgusto, aínda que non demasiado duradeiro, xa que en 1985 o seu carismático líder Sting debutaba co álbum The Dream of the Blue Turtles que presentaba coa canción "If You Love Somebody Set Them Free", e que foi recibida con alegría por tódolos sectores. Sting non renunciaba á esencia que lle conferira identidade a The Police e nesa primeira canción, así coma no resto do disco, o oínte ía atopar as influencias do jazz e da new wave que xa se apreciaban na banda de Sting.


A importancia que esta canción tivo para Sting, ó igual que para calquera artista que lanza a súa carreira en solitaria ten o seu primeiro single, reflectiuse uns anos despois no álbum ...Nothing Like the Sun (1987) coa canción "We'll Be Together". Nela advírtese algúns fragmentos da canción de debut coa que Sting deixaba atrás a The Police. Como curiosidade, na gravación participou Eric Clapton tocando a guitarra.

luns, 7 de xaneiro de 2013

I Can't Stand Losing You

Outlandos d'Amour, o álbum de debut de The Police en 1978 supuxo a chegada á escena musical de Sting e compañía que se ían caracterizar pola combinación de reggae, ska e rock en doses suficientes para crear un estilo propio e inconfundible que non pasou desapercibido para as xeracións posteriores. "I Can't Stand Losing You" foi o segundo single dese álbum.
http://www.goear.com/listen/701593b/cant-stand-losing-you-the-police

Unha das cancións que máis  influída está  por este tema de The Police é "Diamond on Landmine", o tema de Billy Talent, do álbum Billy Talent III (2010). As primeiras notas remiten claramente ó tema de The Police.

http://youtu.be/7AKF5namNF4
Bruno Mars, é   un deses artistas que dende apenas tres anos máis promete e no que moitos ben un digno sucesor de Michael Jackson sacou o seu segundo disco en 2012 Unorthodox Jukebox cun single que lembra de maneira notoria o son dos primeiros tempos de The Police. "Locked Out of Heaven" parece unha canción escrita por Sting e semella que escapou dalgún deses traballos de The Police.

xoves, 11 de outubro de 2012

The Bed's Too Big Without You

O segundo álbum de The Police, editado tan só un ano despois do debut do trío londinense, Regatta de Blanc (1979) confirmaba as boas sensacións que se espertaran con Outlandos d'Amour cun repertorio de excelentes cancións que ían a consagrar a The Police como un dos mellores grupos da década de 1980. A súa combinación de reggae e rock acada cotas altas con "Message in a Bottle", "Walking on the Moon" e mesmo a que hoxe vos presentamos "The Bed's Too Big Without You", escrita por Sting, conforman o son máis característico de The Police.


Baseada en "The Bed's Too Big Without You", "The Glorious Land", unha das últimas xoias que a cantautora inglesa PJ Harvey contén no seu último traballo discográfico Let England Shake (2011) e é quizais a mellor canción deste último álbum.

xoves, 19 de xullo de 2012

Invisible Sun

A finais dos anos 70 cando a música disco e os sons da New Wave dominaban o planeta e Xamaica xa se fixera un oco na música grazas o reggae, que nos chegaba da man de Jimmy Cliff e de Bob Marley, en Reino Unido aparecía The Police, unha banda que mesturaba o rock co reggae, dándolle un estilo propio que acabaría por conquistar a milleiros de fans coa envolvente voz do seu líder, Gordon Summer, máis coñecido por todos como Sting. En 1981 vía a luz o seu cuarto álbum Ghost in the Machine; doce cancións sen desperdicio que redondeaban un dos mellores discos dese ano. Hoxe quedamos co corte 3, "Invisible Sun".


A banda británica Supergrass publicaba en 1999 o seu terceiro disco Supergrass, que confirmaba a banda de Gaz Coombes como todo un referente do brit pop. Nese sensacional álbum sinalouse que o tema "Mary"  parecía estar inspirado en "Invisible Sun".

xoves, 24 de maio de 2012

New York, New York

A canción de Jay Z "Empire State of Mind" que viamos na entrada anterior está dedicada a Nova York, posiblemente a cidade máis cosmopolita do mundo, pero nin moito menos é a única canción que se escribiu sobre a cidade dos rañaceos, xa que esta inspirou dende moi cedo a músicos e compositores; así que imos  repasar algunhas destas cancións que homenaxean a Nova York.

A primeira delas é o todo un himno por excelencia e tamén a banda sonora cando se fala desa fantástica cidade. Un clásico con maiúsculas a cargo de Frank Sinatra. "New York, New York" aparecía na película do mesmo nome de Martin Scorsesse de 1977 cantada por Liza Minelli, pero gañou fama coa versión de Sinatra de 1980 Trilogy: Past Present Future.

 http://www.goear.com/listen/f749705/new-york-new-york-frank-sinatra

A seguinte que vos presentamos é a de Ryan Adams. O compositor canadense tamén titulou así a un tema que aparecía no seu segundo traballo Gold (2001).

 http://www.goear.com/listen/9fba2d9/new-york-new-york-ryan-adams

Como non podía ser menos, o neoiorquino Moby tamén lle rendía tributo á súa cidade no disco recompilatorio Go. The Very Best of Moby (2006) acompañado doutra célebre veciña de Nova York, Debbie Harry.

 http://www.goear.com/listen/0498e30/new-york-new-york-moby

A británica Paloma Faith tamén facía o seu debut cunha homenaxe a Nova York con "New York" en Do You Want the Truth or Something Beautiful? (2009) cun sensacional coro gospel.

 http://www.goear.com/listen/bcfb4e5/new-york-paloma-faith

Outras canción, no entanto, ambientan as súas historias en Nova York dándolle total protagonismo á cidade. Por exemplo, o tema de Sting "Englishman in New York", un tema moi sampleado posteriormente e que está no seu segundo álbum en solitario ...Nothing Like the Sun (1987).

 http://www.goear.com/listen/c08baa7/englishman-in-new-york-sting

En España, Los Rebeldes gravaron "Un Español en Nueva York" no seu álbum Más Allá del Bien y del Mal (1988).

 http://www.goear.com/listen/855eb19/un-espaaol-en-nueva-york-los-rebeldes

Ese mesmo ano, Mecano publicaba Descanso Dominical onde unha das súas cancións máis aclamadas é "No Hay Marcha en Nueva York", unha hilarante historia asinada por José María Cano.

 http://www.goear.com/listen/c32bb59/no-hay-marcha-en-nueva-york-mecano

 Pet Shop Boys  tamén homenaxearon a esta cidade con "New York City Boy" do álbum de 1999 Nightlife.

 http://www.goear.com/listen/8976c60/new-york-city-boy-pet-shop-boys

E xa para rematar, deixámosvos co tema de REM "Leaving New York" do álbum Around the Sun (2004).

 http://www.goear.com/listen/d4b51b1/leaving-new-york-rem

mércores, 7 de marzo de 2012

Shape of My Heart

Tras conseguir a fama coa súa banda The Police, Gordon Sumner, máis coñecido polo seu alcume Sting, emprendeu unha carreira en solitario á altura do seu grupo. Unha década despois da disolución de The Police, este antigo mestre de matemáticas publicaba en 1993 o seu cuarto ábum Ten Summoner's Tales, título inspirado na colección de relatos do escritor medieval  Geoffrey Chaucer The Canterbury Tales. Nese álbum atópase a balada "Shape of My Heart".


Como non podía ser doutro xeito, deseguido se empezaron a facer versións, aínda que como dato curioso, pode dicirse que o hip-hop e o R&B se apropiaron totalmente dela, pois practicamente tódalas versións corren a cargo de artistas destes estilos, que ben  ou se limitaban a versionala ou ben a empregala como sample. Como a lista nos habería de quedar bastante ampla, imos pór dous exemplos. O primeiro, da cantante de Georgia Monica, que incluía no seu álbum de 1998 The Boy Is Mine a canción "Take Him Back".


O último exemplo que vos ofrecemos é quizais o que máis repercusión tivo, xa que contaba coa colaboración do propio Sting. Pertence o álbum de Craig David Slicker Than Your Average (2002) e trátase da canción "Rise & Fall".