Amosando publicacións coa etiqueta Chic. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Chic. Amosar todas as publicacións

venres, 11 de setembro de 2015

I'll Be There

Quizais porque vivamos nunha época propicia para o revival, non debería de sorprendernos o regreso de bandas e de artistas que brillaron en tempos pasados. Se non é cunha remasterización dos seus grandes éxitos, volven con material novo seguindo as mesmas pautas coas que lograron triunfar anteriormente, sen variar un ápice nada. Canda Rick Astley e Spandau Ballet, o ano pasado tamén coñeciamos a volta de Chic, co incombustible Nile Rodgers ó frente como antano. E é que tralo recente éxito de Pharrel Williams e en xeral, a influencia que aínda exerce a música de Chic nos estilos actuais, Rodgers decidiu resucitar o seu vello proxecto cun novo álbum, It's About Time (2014), que en realidade non achega nada reseñable que Chic non fixese xa. É máis, resulta bastante insulso, sobre todo ó constatar que tódalas cancións parecen simples sombras das antigas cancións de Rodgers e de Edwards, como ben se pode apreciar no single "I'll Be There". Desde logo, ás veces é mellor que as vellas lendas queden onde estaban.


En "I'll Be There" está resumida toda a discografía de Chic, ou practicamente ese son que fixo do proxecto unha referencia hai trinta e tantos anos, pero que hoxe nótase un chisco desfasado. Pero o que mellor se reflicte en "I'll Be There" é o traballo que Nile Rodgers e Bernard Edwards lle prepararon a Sister Sledge cando eran o seus produtores. O gran éxito deste grupo, "We Are Family", que titulaba ó álbum de 1979, alumea cada acorde da nova canción de Chic.


E tamén se pode rastrexar  algúns elementos de "Got to Love Somebody", canción de Love Somebody Today (1980), outro álbum de Sister Sledge composto e producido por Nile Rodgerds e Bernard Edwards. Por suposto, como xa comentamos, hai unhas cantas cancións de Chic que tamén están presentes na nova, pero que cada quen elixa a súa preferida.

venres, 25 de outubro de 2013

My Forbbiden Lover

Chic era un dos grupos do momento a finais da década de 1970 e acadaron a consagración definitiva co terceiro disco Risqué (1979) cuxo single de lanzamento está considerado xa un clásico "Good Times". Pero o resto de cancións que compoñen o disco tamén están moi presentes nos compositores e nos artistas que teñen a Bernard Edwards e a Nile Rodgers como verdadeiros referentes. Se "Good Times" (como xa vimos) inspirou un feixe de novas cancións, o single que a seguiu "My Forbbiden Lover" non quedou atrás, malia que a repercusión deses novos temas non foi tan grande coma a de "Good Times".


A particular resurrección de "My Forbbiden Lover" en forma de samples comezou a xurdir hai algo máis de dez anos. Os primeiros foron os suecos Alcazar no seu debut Casino (2000). Nel, a canción "Sexual Guarantee" recorre ó tema de Chic.


Seguiu a Alcazar, Luther Vandross. No seu recompilatorio póstumo editado en 2006 The Ultimate Luther Vandross e segunda parte do que publicara en 2001, a canción estrela é "Shine", que tamén recupera "My Forbidden Lover".


Outra canción disco que tampouco consegue prescindir de Chic é a de Darryl Pandy "Sunshine & Happiness".


E a última é a de The Black Eyed Peas, "Fashion Beats" no álbum The Beginning (2010).

venres, 28 de xuño de 2013

Everybody Dance

A música de Chic volve estar de moda grazas sobre todo ó novo disco de Daft Punk, que conta coa participación de Nile Rodgers nalgún tema, malia que na súa totalidade semella unha homenaxe encuberta a Chic. Mais non só Daft Punk toman como espello a Chic, senón como temos visto outras veces outros artistas e bandas levan fixándose na música de Rodgers e Edwards dende hai bastante tempo. Xa no primeiro álbum de Chic (1978), algunhas das cancións estaban destinadas a perseverar co paso dos anos. "Everybody Dance", o segundo single, é unha boa mostra.


No ano 2000 os británicos Steps lanzaron o seu terceiro disco Buzz, onde a canción estrela é "Stomp", que reproduce de maneira evidente a melodía da canción de Chic.


Xa afastados do son disco, tamén podemos atopar certos ecos da canción de Chic nun dos últimos éxitos de Manic Street Preachers. A canción que presentaba o último disco dos galeses "(It's Not War) Just the End of Love", pertencente a Postcards From a Young Man (2010), parece conter un sample de "Everybody Dance".



venres, 25 de maio de 2012

Soup for One

Chic soubo sobreporse ó éxito acadado nos seus primeiros anos de andaina a finais dos anos 70 e comezou a nova década como unha banda consolidada e referente da música disco, así que non sorprendeu demasiado que en 1982 se encargase da banda sonora da comedia romántica Soup for One. O resultado foi un EP que contén toda a esencia da banda de Nile Rodgers.


Os anos 90 confirmaron que Francia era un dos países onde se facía a mellor música electrónica que soaba no planeta. Tralo pioneiro Jean Michel Jarre nos 80 habería que engadir á lista o bo facer de bandas como Daft Punk e Air e, mesmo recentemente, téñense sumado Justice, que continúan cun labor que xa empeza a ser unha tradición no país galo. Pero agora mesmo imos quedar con Modjo, un dúo composto polos produtores Romain Tranchart e Yann Destagnol, que cunha traxectoria bastante breve, deixaron un moi bo resaibo co único álbum que lanzaron ó mercado, o homónimo Modjo (2000). Nel estaba a canción  que os habería de perpetuar no tempo "Lady (Hear Me Tonight)".

martes, 13 de marzo de 2012

Good Times

A mediados dos anos 70 a banda de Nova York Chic revolucionou parte do son musical do momento co seu estilo disco. Tras o enorme éxito que colleitou o álbum C'est Chic de 1978 con temazos como "Le Freak", un ano despois aparecía no mercado Risqué que contiña unha das cancións máis influentes na música posterior grazas a súa base rítmica. Sen dúbida, falamos de "Good Times", composta por Bernard Edwards e Nile Rodgers.

  http://www.goear.com/listen/e606b47/good-times-chic

"Good Times" empregouse en moitas ocasións coma un sample que garantía o éxito de calquera canción, e a primeira que o comprobou foi "Rappers Delight", da banda The Sugarhill Gang, que aparecía no seu álbum  homónimo de 1979, o mesmo ano da publicación do álbum de Chic.

  http://www.goear.com/listen/5dc6900/rapperss-delight-sugar-hill


Tamén se demostrou con "Another One Bites The Dust", un dos temas máis coñecidos de Queen, que en 1980 aparecía no disco da banda de Freddie Mercury The Game (1980).

  http://www.goear.com/listen/7c36a7b/another-one-bites-the-dust-queen

En 1981, a banda de Debbie Harry tamén se acordaría de "Good Times" no seu popular "Rapture" do álbum Autoamerican.

 http://www.goear.com/listen/d5c91f1/rapture-blondie

A última vez que atopamos a sombra de "Good Times" é no tema dos franceses Daft Punk "Around The World", do álbum Homework (1997).

  http://www.goear.com/listen/51db9f2/around-the-world-daft-punk