Quizais porque vivamos nunha época propicia para o revival, non debería de sorprendernos o regreso de bandas e de artistas que brillaron en tempos pasados. Se non é cunha remasterización dos seus grandes éxitos, volven con material novo seguindo as mesmas pautas coas que lograron triunfar anteriormente, sen variar un ápice nada. Canda Rick Astley e Spandau Ballet, o ano pasado tamén coñeciamos a volta de Chic, co incombustible Nile Rodgers ó frente como antano. E é que tralo recente éxito de Pharrel Williams e en xeral, a influencia que aínda exerce a música de Chic nos estilos actuais, Rodgers decidiu resucitar o seu vello proxecto cun novo álbum, It's About Time (2014), que en realidade non achega nada reseñable que Chic non fixese xa. É máis, resulta bastante insulso, sobre todo ó constatar que tódalas cancións parecen simples sombras das antigas cancións de Rodgers e de Edwards, como ben se pode apreciar no single "I'll Be There". Desde logo, ás veces é mellor que as vellas lendas queden onde estaban.
En "I'll Be There" está resumida toda a discografía de Chic, ou practicamente ese son que fixo do proxecto unha referencia hai trinta e tantos anos, pero que hoxe nótase un chisco desfasado. Pero o que mellor se reflicte en "I'll Be There" é o traballo que Nile Rodgers e Bernard Edwards lle prepararon a Sister Sledge cando eran o seus produtores. O gran éxito deste grupo, "We Are Family", que titulaba ó álbum de 1979, alumea cada acorde da nova canción de Chic.
E tamén se pode rastrexar algúns elementos de "Got to Love Somebody", canción de Love Somebody Today (1980), outro álbum de Sister Sledge composto e producido por Nile Rodgerds e Bernard Edwards. Por suposto, como xa comentamos, hai unhas cantas cancións de Chic que tamén están presentes na nova, pero que cada quen elixa a súa preferida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario