xoves, 17 de setembro de 2015

By the Time I Get to Phoenix

Outro músico estadounidense que dende os anos cincuenta contribuíu ó espallamento do rock and roll e outros estilos afíns é Johnny Rivers. Este cantante nacido en Nova York hai 72 anos, combinou durante a súa carreira as cancións propias e outras que lle ofreceron varios compositores xunto con versións de temas moi coñecidos. No terceiro álbum, Changes (1966), incluíu unha balada escrita por Jimmy Webb titulada "By the Time I Get to Phoenix", que sacara como single un ano antes, ó tempo que a gravaba o cantante country Glen Campbell, cuxa versión saíu uns meses despois. Malia que ambas versións son moi semellantes entre si e apenas se diferencian, a de Glen Campbell tivo maior repercusión.


Pero a gran versión que se fixo de "By the Time I Get to Phoenix" correspóndelle a Isaac Hayes, no álbum Hot Buttered Soul (1969). O ritmo da cancións adáptase á perfección ó estilo sobrio de Hayes, quen a alonga ata os 18:42 de duración. Neste caso, optamos por ofrecervos unha versión reducida.


Que a versión de Hayes é desas que eclipsa mesmo á orixinal é algo que se aprecia na influencia que exerce nalgúns grupos de R&B. A canción de Tony! Toni! Toné! "Anniversary", do álbum Sons of Soul (1993), sen ser un remedo de "By the Time I Get to Phoenix", inspírase na versión de Hayes ó tentar reproducir algúns dos efectos desta.


Xa remitíndose claramente ó "By the Time I Get to Phoenix" de Hayes, a canción pop de Brídín Brennan "You Can't Hurt Me", do álbum Eyes of Innocence (2005), si colle directamente algúns elementos do tema escrito por Webb.

Ningún comentario:

Publicar un comentario