martes, 29 de setembro de 2015

Make It Easy on Yourself

Jerry Butler é outro dos moitos músicos que poden presumir de contar no seu repertorio con cancións asinadas polo dúo de compositores Burt Bacharach e Hal David. Malia que no seu caso, "Make It Easy on Yourself", que acabou formando parte do álbum Need to Belong & Other Great Perfomances (1962), foi un éxito menor na súa carreira, pero serviulle a Butler para ser o primeiro en gravar unha canción que logo habería de triunfar noutras versións. Quen lla ofreceu foi o xefe da súa discográfica, que quedou encantado con ela tras escoitar unha maqueta de Dionne Warwick, para quen Bacharach e David adoitaban escribirlle tódalas cancións.


Finalmente, a versión de Dionne Warwick apareceu un ano despois no álbum de debut da cantante de Nova Jersey, Presenting Dionne Warwick (1963), pero non foi das cancións máis destacadas. Anos máis tarde, cando editou o álbum Very Dionne (1970) incluíuna de novo, e desta vez, si tivo máis repercusión.


Se as primeiras versións de "Make It Esay on Yourself" a cargo de Dionne Warwick e de Jerry Butler non tiveron moito éxito, a de The Walker Brothers, pertencente ó seu debut Take It Easy with the Walker Brothers (1965), acadou o primeiro posto na lista británica. Sen dúbida a influencia de Phil Spector, produtor do álbum, conseguiu transformar a canción nunha fantástica mostra de pop e soul.


Baseada na versión de The Walker Brothers, Ash gravou a canción "Candy", un dos temas de Free All Angels (2001).

Ningún comentario:

Publicar un comentario