Amosando publicacións coa etiqueta Dire Straits. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Dire Straits. Amosar todas as publicacións

venres, 12 de xuño de 2015

Money

Volvemos con outro post temático, desta volta sobre unha das fontes de soños e desgrazas máis grandes que hai: os cartos. É que non son poucas as cancións que se fixeron sobre o vil metal e nunca está de máis facer un pequeno repaso sobre algunhas das máis coñecidas. Empezando como non, coa máis emblemática, a que Roger Waters escribiu para Pink Floyd no álbum The Dark Side of the Moon (1973), a famosa "Money", na que se fala do poder do diñeiro, aínda que xa se sabe que este non o pode mercar todo, empezando pola felicidade, e que hai xente tan pobre que só ten cartos... En fin, imos deixar os tópicos de momento e centrarnos na música. Esperamos que as seguintes cancións sexan do voso agrado. A primeira, como xa dixemos, "Money" de Pink Floyd.

https://youtu.be/JkhX5W7JoWI

Mais unha das primeiras cancións que se lle dedicaron os cartos foi a que Clyde McPhatter & The Drifters en 1953. Trátase de "Money Honey".

https://youtu.be/N8oNHMNCSjQ

En 1978 The Brains resumiron perfectamente o que cambian as cousas cando hai diñeiro de por medio en "Money Changes Everything", o único éxito que tivo esta banda.

https://youtu.be/zLWbp3w2eqM

Pero como xa se sabe, ás veces os cartos non son suficiente para o que se quere. Iso tívoo moi claro Mark Knopfler cando escribiu "Money for Nothing" e que aparece no álbum de Dire Straits Brothers in Arms (1985). A canción conta coa participación de Sting nos coros na última parte. Dese mesmo ano é a versión de Simply Red de "Money's Too Tight To Mention", que xa apareceu por aquí hai unhas semanas.

https://youtu.be/wTP2RUD_cL0

En 1988, Psychedelic Furs incluían no álbum All of This and Nothing a canción "All That Money Wants".

https://youtu.be/Gti22zo6sm0

A canción de Babylon Zoo "All the Money's Gone", primeiro single de King Kong Groover (1999), co que tentaba repetir o éxito de "Spaceman" do anterior álbum, tamén fala da tristura que se produce cando os cartos voan. Desafortunadamente, o título desta nova canción pareceu profético porque non se volveu saber nada máis de Babylon Zoo.

https://youtu.be/ZsDecygKK3w

E por último a canción de Chumbawamba "She's Got All the Friends that Money Can Buy", do álbum WYSIWYG (2000) sobre a cantidade de amizades que fan os cartos.

https://youtu.be/Ip04ssomt40

xoves, 29 de xaneiro de 2015

Wonderful Land

Coma se lle encargasen a banda sonora dunha película do Oeste, The Shadows editaba en 1962 "Wonderful Land", un single cun son que evocaba o cine de indios e de vaqueiros, tan de moda naqueles anos. O tema, totalmente instrumental, afondaba unha vez máis no gusto de Jerry Lordan por esta temática, xa que dous anos antes compuxera tamén para The Shadows "Apache", outra canción intrumental cuxo título indica perfectamente o contido. Mais se alguén puidese pensar que a aposta de The Shadows por outro single que reiteraba un estilo de música que xa probaran antes era un erro, cómpre indicarlle que non leva razón, pois "Wonderful Land" acadou sen grandes dificultades o primeiro posto das listas británicas.


Mike Oldfield gravou unha das versións máis coñecidas en QE2 (1980), prescindindo para a ocasión dese son western propio da orixinal e introducindo unha guitarra eléctrica, co que lle dá unha dimensión nova ó tema de The Shadows.


Non obstante, a versión que fixeron conxuntamente Hank Marvin e Mark Knopfler no ano 1993 achégase bastante máis á orixinal que a de Mike Oldfield. Pertence a Heartbeat (1993), un álbum producido por Jeff Lynne, alma máter da Electric Light Orchestra.

xoves, 29 de agosto de 2013

Carousel Waltz

Richards Rodgers e Oscar Hammerstein II asinaron algúns dos mellores musicais do pasado século. Un deles foi Carousel, que se representou en Broadway en 1945 cun éxito tal que dous anos despois comezaba unha xira polos Estados Unidos para presentalo nos mellores teatros, e non tardaría en chegar a Europa, onde tivo unha fabulosa acollida no West End londinense. As cancións deste musical funcionaban ben, mesmo por si soas e os discos vendíanse independendentemenete da representación teatral. Por certo, Gerry and the Pacemakers, unha banda de Liverpool como os Beatles e que tamén tiña a Brian Epstein como mánager, acadou o número un das listas en 1963 cunha das súas cancións. Á marxe disto, coma tódolos musicais, Carousel combinaba cancións con pezas instrumentais, como "Carousel Waltz", a peza para orquestra que abre o primeiro acto.


E coa música de "Carousel Waltz" comezan os Dire Straits unha das súas mellores cancións "Tunnel of Love", do álbum Making Movies (1981). De forma case imperceptible, "Carousel Waltz" marca os primeiros acordes do tema dos Dire Straits, un dos poucos que Mark Knopfler non asina en solitario.


John Legend, que tamén é un namorado da música dos Dire Straits, aproveitou "Tunnel of Love" para a base da súa canción "I Love, You Love" do álbum Evolver (2008). Alomenos, a guitarra de Knopfler segue soando tan ben coma na canción orixinal.

venres, 26 de abril de 2013

Walk of Life

O quinto álbum de Dire Straits Brothers in Arms publicado en 1985 foi posiblemente o disco da banda de Mark Knopfler que conquistou a máis seguidores. Contén nove cancións e todas mostran o enorme talento de Knopfler e compañía. Nese álbum hai dende cancións melancólicas como a que abre o disco, "So Far Away" e baladóns como a que lle dá título ó disco, ata cancións cheas de optimismo coma "Walk of Life", das máis alegres da banda.


E seguramente a mesma musa que inspirou a Knopfler para compór "Walk of Life" o acompañou para compór "Cannibals", unha das cancións que aparecía no primeiro disco en solitario do líder de Dire Straits Golden Heart (1996). A mesma frescura e o mesmo ritmo estival, fai que "Cannibals" sexa case unha irmá xemelga de "Walk o Lilfe".

martes, 19 de febreiro de 2013

Jungleland

O sensacional terceiro disco de Bruce Springsteen Born to Run (1975) situou no panorama musical internacional ó Boss, grazas as oito cancións que o compoñen. Péchase con "Jungleland", un dos temas de Springsteen onde o talento do desaparecido Clarence Clemmons é máis evidente, xa que nesta canción o saxo é un dos instrumentos clave. Posto que é un tema bastante longo, nel aprézase distintas partes rítmicas; un comezo máis lento, para gañar en intensidade no seu desenvolvemento.


Precisamente son os primeiro acordes de "Jugleland" os que máis se semellan ós de "Romeo and Juliet", a canción que os Dire Straits gravaron no álbum de 1981 Making Movies. En calquera caso, son dúas excelentes cancións asinadas por dous grandes do rock: Bruce Springsteen e Mark Knopfler.

venres, 18 de maio de 2012

The Bug

En 1991 publicábase o derradeiro álbum de estudio dunha banda mítica que dende 1977 impregnou coas súas guitarras e o carisma do seu líder Mark Knopffler a escena rock mundial. Malia que Dire Straits seguirían publicando recompilatorios desde entón, pódese dicir que tras apostar forte pola  carreira en solitario de Knopffler en 1996 é difícil crer na posibilidade de que Dire Straits volvan con material novo. De tódolos xeitos, On Every Street (1991) foi todo un éxito con trallazos como "Calling Elvis" e este "The Bug", unha das cancións máis optimistas da banda e que hoxe che traemos por aquí. Un gran álbum que achegou a Dire Straits a un público novo que puido descubrir unha traxectoria dunha das bandas máis grandes de Gran Bretaña.


Tan só un ano despois da súa publicación, a cantautora Mary Chapin Carpenter fixo unha notable versión de "The Bug" e que publicaría o seu disco de 1993 Come On, Come On.